Menu Xerais

Entrevista con Carlos Callón sobre «Como defenderes os teus dereitos lingüísticos», en Radiofusión

Radiofusión (a programación das Radios Municipais Galegas) realizou unha entrevista con Carlos Callón sobre Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, publicado na colección Crónica. A entrevista pode ser escoitada aquí en mp3 mp3. Reproducimos o texto da web de Radiofusión:

Carlos Callón presenta un “manual de autoaxuda” para os defensores da lingua

“En ningún ámbito podemos vivir en galego con normalidade”, láiase o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, quen se cadra por iso reparou na necesidade de crear unha sorte de manual para protexer o uso do idioma propio en sociedade. Así naceu Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, a última obra que Callón deu o prelo e cuxo título contaba cun engadido alternativo que dicía “como facelo sen padecer unha úlcera de estómago”. Mais finalmente o autor decidiu retiralo para presentar un carácter máis positivo nun libro que funciona, recoñece sen ambaxes, como manual de autoaxuda ou mesmo, de autodefensa.

O volume sae publicado por Xerais e vai ser presentado en sociedade no Festigal que se celebra esta fin de semana en Compostela. Requirido pola mellor defensa coa que contan aqueles que desexan empregar o galego sen restricións, Callón sostén que “o máis revolucionario segue a ser falalo” e, a seguir, conxugar tres verbos: “usar, escoller e solicitar”.

Deixa un comentario!