Menu Xerais

Entrevista con Ignacio Silva sobre «Cara B» en La Voz de Galicia

A edición de Bergantiños de La Voz de Galicia inclúe unha entrevista, asinada por A. Palmou, co escritor Ignacio Silva, autor de Cara B, unha das novidades de narrativa do mes de xaneiro. Pode baixase aquí en pdf. Ademais, reproducímola integramente:

«Publicar nestes tempos xa é un premio»

Tras gañar varios premios literarios nos últimos anos, Ignacio Silva Regueira (Carballo, 1978), avogado metido a opositor, acaba de dar un importante paso adiante na súa faceta de escritor ao publicar con Xerais Cara B, unha obra que recolle tres historias –Cela aberta, Vertixes e Escintileos– unidas por varios nexos comúns.

¿Cal é o elemento aglutinador da obra?
—Trátase de tres noveliñas ou relatos que teñen como nexo de unión o que lles pasa os seus protagonistas cando se ven inmersos en situacións ás que nunha normalidade vital non terían que facer fronte e ás que responden cun comportamento que non poden controlar.
Os tres relatos tamén teñen en común ter recibidos sendos premios literarios. Ademais, non son as únicas obras súas galardoadas. ¿Cal é o segredo deste éxito?
—O truco é ter moita sorte e que lle guste o xurado porque é difícil decidir que é mellor ou peor. Estou moi satisfeito con estes premios porque sei que gañar un galardón literario é complicado. O primeiro chegou case por casualidade. Entereime por Internet de que se convocaba un premio, presenteime e gañei e a partir de aí xa decidín probar sorte nos demais.
¿Para cando o salto ás novelas longas?
—Antes ou despois caerán, espero que si. Posiblemente será o seguinte paso que dea, pero sen que me gustan moito. Os dous son compatibles.
¿E que xénero prefire?
—Prefiro non pensar en xéneros cando me  poño a escribir. Son as personaxes as que van dirixindo a historia.
¿Xa escribe algo novo?
—Agora mesmo non. É o momento de gozar disto porque publicar nestes tempos xa é un premio.

Comentarios pechados