Menu Xerais

Entrevista de Lourdes Varela con Xaime Toxo: «Concibo a memoria como algo que está presente e vivo»

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, inclúe unha entrevista de Lourdes Varela con Xaime Toxo a raíz da publicación do seu libro As palabras que move o mar. Reproducímola integramente:

«Concibo a memoria como algo que está presente e vivo»

Gañador de varios certames literarios, non foi ata este ano que XaimeToxo (Bueu, 1955) se decidiu a publicar un libro en solitario. O resultado é As palabras que move o mar (Xerais), un volume constituído porcatro relatos longos e xunguidos pordous fíos condutores: o mare mais a memoria.

–En As palabras que move o mar, as lembranzas persoais mistúranse cunha paisaxe marítima. De que xeito interactúa o mar na súa escrita?
–O mar é a primeira paisaxe deste libro. As vidas dos nenos que, coma mín, vivimos nas vilas mariñeiras, estaban loxicamente moi vencelladas ao mar. A miña foi unha infancia de praia, de pés mollados, de gamelas, de dornas, de chalanas… de maneira que, consciente e inconscientemente, resultou unha necesidade que omar estivese moi presente neste libro como o fio de unión dos relatos.


–Tamén o mar como “motivo de inspiración”?

–Nesa liña de que o mar deixa moitas pegadas na nosa vida, si, igual que tamén o son as casas mariñeiras, que conforman outra das paisaxes deste libro: unhas casas tocadas pola area das praias mentres nós iamos medrando, influenciados polo ventomareiro…


–No libro está o mar e, parellamente, está tamén a memoria…

–Si, a memoria é outro dos fios do libro, pero como un transcorrer do tempo, non como unha fixación ou como un tempo detido. Eu tentei extraer o emocional da memoria, e iso é algo presente. Quería que as pegadas que aparecen neste libro fosen esas que nos acompañan nesa viaxe que é a vida, de maneira que eu xogo coa memoria, si, pero cunha memoria presente e actual.O que aconteceu segue vivo no día a día dos protagonistas.

–Coida que a literatura galega ten algunha débeda co mar? Quero dicir, non lle parece que se bota a faltar a “novela maior” do mar” dentro da historia das nosas letras?
–Non; coido que non. Hai grandísimos escritores galegos relacionados co mar, dende Manuel- Antonio a Manuel Rivas, pasando por Ramón Cabanillas; ata o propio Castelao tocou o tema do mar. Penso que a relación mar/home está ben literaturalizada. Ao mellor, si quedaría un oco a hora de escribir unha obra do mar do alén; moitos galegos pasan a vidas en mareas eternas, de meses, en mares lonxanos, e quizais ese tema é o que está por tocar: unha novela das sagas dos mariñeiros de altura, das súas expedicións a África do Sur, os caladeiros de Irlanda, o Gran Sol… Iso si que aínda se bota a faltar na literatura galega.

–Por que agardou tanto para publicar o seu primeiro libro en solitario?
–Non teño unha resposta concreta para iso, o que si sei é que levo escribindo desde sempre. O que pasa é que, claro, hai que enfrontarse a unha vida, a un traballo, e escribir esixe dunha disciplina rigorosa. Polo que a min respecta, ata que non atopei que os relatos tiñan a feitura que eu lles procuraba,non quixen dálos ao prelo da publicación. Son circunstancias da vida, non penso que haxa outra explicación.

–O caso é que as críticas que foi recibindo con este libro non puideron ser mellores. Vano animar, a curto ou medio prazo, a “atreverse” cunha novela?
–Como xa dixen antes, eu teño un concepto da escrita que necesita de moito traballo, de moitísima dedicación, de pasar moitas horas en soidade, e iso require unhas circunstancias persoais e vitais que non sempre se atopan. Hai que conxugar o factor tempo, esixencia e calidade da escrita, e que iso se dea a un tempo, non é doado. Se me vou meter nunha novela? Non o sei,o que si sei é que sigo escribindo, e que vou seguir escribindo.


–Vostede ten gañado varios certames literarios. Coida que tanta proliferación deles é necesaria para a literatura galega? Non pensa que aquí premiamos con exceso?

–É que eu coido que non hai moitos premios literarios en Galicia. A literatura galega está comprometida cunha lingua en condicións difíciles e cun sistema literario en condicións complexas. Dende este punto de vista, xa que logo, os premios son un recoñecemento e dan un pulo e animan a que a xente nova mande o que escribe. E, ao mesmo tempo, estes certames actúan como unha peneira do que se está a facer. Dende a miña óptica, son moi necesarios e non podemos prescindir deles.

–Súmase Vostede a un grupo, máis ou menos xeracional, que forman varios narradores, poetas e xornalistas de Bueu. Aos que non somos de alí, chámanos poderosamente a atención esta especie de “República da Letras”. Que ten Bueu, que mesmo Torrente Ballester, no escaso tempo que viviu alí, foi quen de escribir una triloxia, Los gozos y las sombras, con Bueu (Pueblanueva) e a súa xente como paisaxe humana e literaria?
–Das vilas do Morrazo, Bueu foi, e aínda o é, a que quedou máis illada. Sempre foi unha extremeira, e esa calidade conferiulle certa peculariedade social de vila que gardou máis tempo algunhas das súas esencias e identidades que se reflectiron despois na necesidade de contalas. Por outra banda, Johán Carballeira, o xornalista, poeta e alcalde republicano fusilado que hoxe dá nome aos premios literarios do concello, foi un facho que fixo de imán para atraer a Bueu a xentes que devecían pola poesía, pola narrativa,polo descubrimento e polo renacemento cultural republicano e galeguista.

–Na súa obra aparecen dous Abril moi significativos: o Abril do poema “A terra erma” de Elliot e o Abril da Revolução dos Cravos. Á marxe do mes, resulta cando menos unha relación difícil de entender…
–Pouco antes do 25 de Abril portugués, eu, que xa estaba daquela en Compostela, estiven nun concerto do Zeca Afonso no que cantamos “Grándola Vila Morena”, e unha das frases que xorden no libro, e con isto estou desvelando aspectos autobiográficos que aparecen nos meus relatos, é casi literal do que dixo o Zeca naquel concerto “En Portugal estan mudando os tempos”. Eu intento recoller no libro todo o que foi o movemento estudiantil en Santiago nos últimos anos do franquismo, case tan sanguiñentos como os primeiros. A Revolução portuguesa, para nós, para todos aqueles estudiantes, foi unha festa e representou unha esperanza. A viaxe en tren que aparece no libro aconteceu de verdade porque cando nos enteiramos de que nas radios portuguesas, aquel día, estaban emitindo “Grándola Vila Morena” tentamos chegar ata Porto e, ao pasar pola estación de Viana do Castelo, ollámola cuberta por unha pintura cun tren debuxado na nube de vapor no que se lía: “A todo vapor polo socialismo”. E todo isto que eu estaba a vivir contraviña o verso de Eliot (“Abril é omés mais cruel do ano”) que a min tanto me gustaba porque aquel Abril concretamente foi o mes máis fermoso do ano e incluso de toda unha década das nosas vidas.

–Ten Vostede tamén unha salientable traxectoria de activismo cultural. Agora mesmo, por exemplo, preside o Ateneo de Pontevedra. Corren bos tempos para a cultura “de base”?
–É un momento complexo, non cabe dúbida. Entre as novas tecnoloxías, os cambios sociais,os cambios políticos…O activismo cultural de base é fillo da sua época. Galicia está vivindo unha mudanza forte nas súas estruturas urbanas e sociais, e os mozos e mozas que veñen son os que deben decidir o papel que queren desempeñar na Galicia do presente noso. Eu son optimista sobre o futuro da cultura entre nós e sobre a potencialidade da xente nova; son optimista porque necesito ser optimista, vaia.

Lourdes Varela

Comentarios pechados