Menu Xerais

Extenso comentario sobre «Todo é silencio», de Manuel Rivas, no blog Ler e ver, de Juan Romero

O blog Ler e ver, do profesor de lingua e literatura españolas Juan Romero, inclúe un extenso comentario crítico sobre a novela Todo é silencio, de Manuel Rivas. Reproducimos algúns parágrafos:

(…)  A verdade é que hai tempo que non lía nada de Manuel Rivas e esta última que apareceu recentemente tiña unha historia que me parecía atrainte e tiña algunha boa recomendación dela. Case esquecera o ben que escribe, como é capaz de adornar maravillosamente con palabras moitos dos momentos das súas novelas, así que terei que pensar en ler algunha máis das anteriores que me foron quedando no tinteiro.

(…) nha historia que empeza dunha maneira e vai evolucionando cara a outra, igual que os personaxes e a narración. Empezamos ao redor do contrabando de tabaco nas costas galegas alá polos anos 50 ata chegar ao máis moderno e profesionalizado mundo do narcotráfico na mesma zona. De todos modos tampouco é unha novela sobre o contrabando e o narcotráfico, é máis unha novela que nos vai mostrar e evolución dunha serie de personaxes que se moven ao redor deste mundo, uns a un lado e outros ao outro e os problemas, cambios e situacións que todo isto provoca. Para min o fundamental da narración son os personaxes, como van vivindo esa realidade e todas as que os rodean, as súas familias, as súas relacións, o seu mundo e as súas vidas nun pequeno pobo da costa galega (…).

(…)  para min é unha novela de personaxes, todos eles, non so os que poden parecer protagonistas, teñen unha forte intervención no desenvolvemento das cousas que van pasando e non hai superficialidade neles. É unha novela relativamente breve, pero ao mesmo tempo a profundidade e evolución dos personaxes é dun nivel bastante alto. Os acontecementos van e veñen case como as ondas dun mar que é básico nas súas vidas en todos os sentidos e ao igual que este mar a historia ten momentos de calma, resaca ou de tormenta. Estes personaxes están, como digo, perfectamente retratados, pero por riba de todos destaca Mariscal, que está sempre presente aínda que non apareza. A súa forma de expresarse, con esas palabras e expresións que usa en latín e que lle dan un aire moito máis culto, forte e dominador que ao resto son xeniais, así como a súa forma de comportarse, para min un deses personaxes de novela que quedan durante un tempo na memoria.

E por riba de todos temos esa forma que ten Rivas de usar a linguaxe. É curioso como é capaz de expresar moitas cousas sempre de formas orixinais e chamativas e provocando no lector unha especie de pausa para saborear con calma eses xogos de palabras, esas imaxes e esas sensacións que consegue transmitir ao lector.

(…) Outro aspecto destacable da súa forma de escribir é que é moi cinematográfica, o lector pode imaxinar á perfección case as caras, as casas, o decorado, as situacións case como se o estivera a ver. Nalgúns casos isto pode ser un defecto, pero nesta novela en concreto paréceme unha virtude, porque ademais está conseguido á perfección e é un elemento máis a favor da novela. O futuro realizador da versión de cine, José Luis Cuerda di que “Co guión de Rivas teño a sensación de que, por primeira vez, teño nas miñas mans unha película”. Loxicamente non é un guión, pero para un lector e máis para un director, penso que é relativamente sinxelo levar todo o que pasa á pantalla, porque está redactada dun xeito que facilita moito ese proceso.(…)

Juan Romero

Pode lerse o comentario completo aquí.

Comentarios pechados