Menu Xerais

«Extramunde», a estraña viaxe dos espiritados: Crítica de Manuel Gago sobre a novela de Xavier Queipo

Manuel Gago publicou no seu blog, Capítulo Cero, unha recensión crítica sobre Extramunde, de Xavier Queipo, Premio Xerais de Novela 2011.

 

«Extramunde», a estraña viaxe dos espiritados

Leo Extramunde, o último premio Xerais de novela, do biólogo e escritor Xavier Queipo, dunha tacada cruzando de noite o Atlántico. Só durmo nos avións cando volvo rendido; da outra volta, gozo de ler, escribir e poder pensar un pouco de vagar, tomando tempo para cousas pendentes. Tiña gañas de ler esta novela sobre a intolerancia e a diferencia dun dos máis notables escritores do país. A novela ten dúas partes moi diferenciadas; nisto de facer reseñas literarias non me gusta moito explicar o argumento porque considero que é ser demasiado espoiler (cando eu vexo críticas desas que desgranan os feitos da novela fuxo delas como da peste). En todo caso, aquí compensa explicar un pouquiño para dar conta do que quero dicir.

A primeira parte de Extramunde é tal cal unha visión alucinada dun cadro de Brueguel o Vello. Queipo consegue con mestría trazar un panorama dun mundo pechado e ofegante, o dun santuario de espiritados do século XVII, no que un cre ver escenas vistas, se cadra, no Corpiño ou no San Campio de Outes; un mundo brutal e inxusto, onde a Igrexa dispón da vida e vontades, aínda que non dos espíritos. A brutalidade cultural da primeira parte lembroume as Comedias Bárbaras de Valle-Inclán e o territorio proceloso dunha Galicia tenebrosa e escura, pero tamén chea de poderosas imaxes visuais que ás veces nos gustarían que se estenderan máis na narrativa, como a vida da nai da pousadeira e a propia pousada. Igrexa e Monarquía dispoñen deportar aos espiritados que acuden ao santuario de Santo Andrés ás xunglas americanas, para que a natureza remate o que eles non queren facer, nunha sorte de depuración racial do diferente e enfermo. A prosa de Queipo móvese con facilidade construíndo un envolvente universo de lama, cheiro humano, maldade e miseria.

Un dos elementos interesantes é a viravolta que pega o libro e que conduce, realmente, toda o resto do libro. Tras un motín a bordo, os tolos conseguen facerse co control da nave que os levaba cara morte segura e emprenden unha longa viaxe bucaneira por África e o Índico. E velaquí acontece unha profunda viravolta narrativa: aqueles que eran diferentes, aqueles deixados da man de Deus, transfórmanse en persoas normais cando abandonan a sociedade que os concibe diferentes, que os relega e aparta, facendo seu aquel vello dito de que aos tolos fannos a xente. A nave dos tolos non é tal, xa que logo. Esta segunda parte, ben distinta da inicial, recupera a querencia de Queipo pola literatura do mar, na mellor tradición europea deste tipo de novelas de viaxes a voltas por destinos índicos. Primeira e segunda parte son ben diferentes no seu estilo e construción, demostrando que as mesmas persoaxes poden construír historias distintas de vez, e se cadra esa é a cousa que o lector deba ter máis presente nesta historia: que non é unha, senón dúas, en soprendente combinación. Unha sorte de Comedia Bárbara e de epopea marítima de Patrick O’Brian. Unha estraña e aleatoria epopea de liberación individual e colectiva.

Manuel Gago

Deixa un comentario!