Menu Xerais

Faleceu o tradutor Valentín Arias, ligado a Xerais desde a súa fundación

A dirección e o cadro de persoal de Xerais quere expresar o seu pesar pola morte do tradutor e profesor Valentín Arias, colaborador de Xerais desde a súa fundación. Valentín Arias faleceu o pasado venres aos 76 anos de idade na súa casa de Sarria e foi incinerado en Vigo este domingo.

O seu papel máis destacado foi o de tradutor, sendo membro fundador en 1984 da Asociación de Tradutores Galegos, da que ocupou a presidencia. A súa figura revalorizou coma ninguén o papel da tradución no ámbito editorial en Galicia. O seu labor como tradutor recibiu numerosos recoñecementos como o premio Ramón Cabanillas de Tradución, o Premio de Tradución Xuvenil do Ministerio de Cultura e o Premio de Tradución Plácido Castro. Pai da poeta e tradutora Xela Arias, tamén falecida, desenvolveu un intenso labor editorial ligado á creación de Edicións Xerais de Galicia a partir de 1979.

En palabras de Manuel Bragado, publicadas no Faro de Vigo, Valentín Arias desenvolveu «un labor extraordinario como revisor e tradutor de milleiros e milleiros de páxinas en galego. Ao seu criterio rigoroso debemos a revisión de boa parte dos cen primeiros títulos publicados por Xerais, a redacción dalgúns dos primeiros libros de texto para o ensino do Coñecemento do Medio en Educación Primaria e a tradución de moitos dos títulos das primeiras coleccións infantís da editorial, Arroás, Xabarín e O rato Pérez» (…) «Traduciu a autores como Verne (“A volta ao mundo en 80 días”, “Viaxe ao centro da Terra”, “Da Terra á Lúa”), Rodari (“Contos ao teléfono”, “Contos a máquina”), Camus (“O estranxeiro”), Le Clézio (“Mondo e outras historias”), Saint-Exupéry (“Voo de noite”), Duras (“O xardín), Atxaga (“Memorias dunha vaca”), Ricardo Mella (“Lombroso e os anarquistas”) ou Diderot (“Sobriño de Ramuau”). Verqueu para o galego os cómics de Tintin, dirixiu o equipo de tradutores do Quixote galego, preparou as versións galegas de libros de investigación como “A guerrilla antifranquista en Galicia” de Heine, “Diego Xelmírez” de Biggs ou “Os galeóns de Rande” de Stenuit».

Comentarios pechados