Menu Xerais

Fíos invisibles e anónimos: Crítica de Ramón Nicolás sobre «Un dedo manchado de tinta», de Manuel Portas

Ramón Nicolás publicou nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas.

Fíos invisibles e anónimos

Un escritor como Manuel Portas, que se incorporou hai pouco á narrativa de noso cun libro como Denso recendo a salgado, libro que concitara os parabéns dos lectores e mais o favor da máis da crítica galega, sospeito que calibraba na súa medida a relevancia que tería a publicación do seu segundo libro pois, dalgún xeito, situaría a súa presenza entre os autores actuais a ter en conta ou, polo contrario, testemuñaría que a devandita estrea que arriba se citou proxectaba unha longa sombra que escurecería todo o que se fose engadindo a ela.

Portas aplicouse, ao meu ver, á non doada tarefa de escribir un libro distinto, o que de seu resulta ben significativo pois ben lícito sería que non desandase os camiños rodados antes con fortuna. Ensaia aquí, así pois, outra fórmula máis arriscada, menos ortodoxa ou convencional, aínda nela que resoen ecos da anterior como a tendencia á coralidade, o emprego dun rexistro literario áxil e dinámico ou a relevancia que se lle outorga ás perspectivas da voz narradora.  A fórmula acredita en que a casualidade se converte na forza motriz que impulsa o movemento duns fíos invisibles que, ao cabo, serán quen de unir os destinos de diversas xentes anónimas baixo o goberno dun demiúrgo que responde ao nome de Gonzalo Salgueiro, un alter ego do autor que confesa, desde o comezo, que o que vai escribir “non é unha novela”. E de feito así é pois o libro ben se pode ler como unha proposta construída a través de historias autónomas que, por outro lado, adquiren outra dimensión á conclusión  do mesmo.

En Un dedo manchado de tinta constrúese, deste xeito,  un mosaico de biografías que se cadra comparten, sen sabelo, unha colección de verdadeiros fracasos persoais. As biografías protagonízanas persoas que,  vivindo en Compostela, van desde un emigrante senegalés e un funcionario que debe procurar información, pasando por unha muller no gume da navalla entre o amor á súa filla e o marido encarcerado acusado de violala, ata unha caixeira, perfilada como unha sindicalista infatigable ou unha investigadora que terá que solventar unha corruptela inmobiliaria. Espéllanse, como se ve, mundos cotiáns nos que intervén en moitas ocasións o eco da análise social e onde, por veces, pode xurdir o extraordinario ou inesperado.

O volume, por outra parte, capta axiña a atención do lector, e sen dúbida de calquera lector pois déixase ver na súa dinámica a posibilidade de realizar  diversas lecturas  e todas elas, conxecturo, deitan resultados satisfactorios;  para min fórono tanto o cativador xogo de puntos de vista como a pluralidade con que é tratada a propia materia narrativa en cada un dos diversos relatos.

Non se contemple como simple acompañamento o cd que se ofrece nesta edición. Todo o contrario: a achega de Rubén Abel, Roi Adrio e Clara Pino,  integrantes do grupo musical Loaira, supón dotar dun acertado seguimento musical á manifestación literaria pois repara en todos e cada un dos universos dos protagonistas dunha proposta que non teño reparo en xulgala como ambiciosa na súa concepción e desenvolvemento e máis que satisfactoria no resultado final.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!