Menu Xerais

Mau e Pin visitan a Biblioteca de Pontevedra coa súa colección «Polo correo do vento»

O Diario de Pontevedra publicou unha extensa crónica asinada por Lorena J. Barral sobre a visita que Mau e Pin, autores da colección «Polo correo do vento» realizaron á Biblioteca de Pontevedra para contar a historia de Cóximo, un esquío que busca apoio na gata e meiga Ágatha a fin de conseguir curar a unha árbore que está doente. Reproducimos algúns fragmentos da reportaxe, que se pode descargar enteira en pdf nesta e nestoutra páxina.

Era venres e saíra o sol, pero os cativos pontevedreses non quixeron perderse a sesión de contacontos que ofreceron Mau e Pin na Biblioteca Pública de Pontevedra. Moitos aínda co uniforme do colexio, asistiron ás 18 horas ao encontro co autor (Mau) e co ilustrador (Pin), aos que recibiron cun gran aplauso. Os artistas entreteron aos nenos cunha nova historia de Violeta, a carteira bolboreta, un dos personaxes dos libros que estes teñen publicados. E que lle pasaba esta vez a Violeta…?

Nesta ocasión, a bolboreta xúntase con outros personaxes: os esquíos Cóximo e Viola, Rosa a raposa, Ramón o falcón e a máis importante: a gata Ágatha! Cóximo permanece alerta debido a que é coñecedor dun mal que pensa erradicar: unha árbore do contorno no que vive está moi enfermiña! Loce sen vida, está triste, nin tan sequera ten follas… Sen poder soportar isto, Cóximo adéntrase na aventura de salvala coa axuda dos seus compañeiros. Pero o máis importante remata sendo a colaboración da gata Ágatha. “Por que?” (preguntan os rapaces presentes na biblioteca cos ollos como pratos).
Porque ela é moito máis que unha gata: é unha meiga! E Cóximo pensa nos seus feitizos para salvar á árbore que tan preocupado lle ten. “E que mete na pota para cociñar a pócema?” pregunta Fernanda, unha nena que escoita con atención. “Pois… Que se pode meter nunha pota?”, pregunta Mau. “Lacón”, din uns. “Grelos”, din outros. “Mel”, berra un pequeno un tanto confundido. Pois nin lacón, nin grelos, nin mel.
Ágatha bótalle imaxinación e consegue a pócema que remata coa enfermidade da árbore. Grazas a ela, Violeta a carteira bolboreta, Ramón o falcón, Rosa a raposa e, sobre todo, os esquíos Cóximo e Viola, tranquilízanse. Teñen a cura necesaria para salvar a natureza do seu contorno.

Continuar lendo: páxina 1 e páxina 2.

Comentarios pechados