Menu Xerais

“Meu pai vaite matar”: novela de tese imprescindible

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog baixo o título, “Novela de tese imprescindible”, a seguinte anotación sobre Meu pai vaite matar de María Xosé Queizán:

A crítica literaria cuñou o termo de novela de tese para refirirse a aquelas novelas escritas cunha técnica realista onde o narrador omnisciente aproveita para difundir as súas ideas sobre temas de actualidade. A crítica, especialmente a chamada crítica universitaria, dominada hoxe polo formalismo e mais polo posmodernismo acrítico, que considera que non hai verdades nin valores absolutos, despreza este tipo de novelas. Mais a novela de tese é un subxénero novelístico tan válido e necesario como calquera outro e máis neste caso en que se tocan temas tan de actualidade como o maltrato machista ou a pederastia. Xa que logo, novela de tese necesaria, por enriba do que digan os posmodernos.

A autora usa un narrador en terceira persoa omnisciente para contar a historia de Diana marcada pola pederastia e mais polo maltrato machista. Este narrador medita e adoutrina sobre o machismo ou mesmo sobre as diferentes formas da pederastia, especialmente a dos cregos ou a dos familiares máis próximos. Tamén adoutrina ou mesmo fai ensaio sobre os progres dos sesenta ou Darwin. Mais eu coido que nos tempos actuais é perfectamente lícito usar da novela de tese, por decimonónica que se considere, para concienciar os lectores sobre o grave problema da pederastia, especialmente a exercida no ámbito familiar, ou sobre o machismo, sobre todo o que aflora, como no caso de Mario, en quen parecía curado desa lacra. Por outra banda, ninguén lle pode apor á novelista falta de coñecemento das técnicas da novela do século XX, posto que foi unha das grandes innovadoras da novela galega xa en 1965 con A orella no buraco, recoñecida como unha das grandes obras canónicas da literatura galega no tantas veces citado aquí tomo II do Diccionario da literatura galega, coordinado por D. Vilavedra.

Xa que logo, a estrutura decimonónica da novela de tese é unha elección da autora e que, como xa dixemos, resulta acaída para o obxectivo que se propón.

Mais a novela utiliza outras estruturas. As técnicas da novela policial ou mesmo do tópico da procura edípica das orixes aparece na investigación sobre o pasado familiar de Diana. A autora emprega recursos da novela sociolóxica para profundar na análise da decadencia da fidalguía, os costumes do mundo rural, a xeración da revolta de estudantes do 68 e dos primeiros setenta ou mesmo no mundo urbano actual. A novela de aventuras aparece na fuxida a América de Moncho ou na construción do penal arxentino de Ushuaia, que entronca o texto coas novelas ou películas sobre a dureza da vida dos penados. Mesmo aproveita a estrutura do libro de viaxes no percorrido que pola Tierra de Fuego realizan Diana e mais Odile. Do mesmo xeito a novela sentimental e case que rosa aparece na relación Diana-Odile. A técnica do monólogo aparece empregada de xeito oportuno ao reproducir os pensamentos do psicópata Horacio de Rosas.

Mesmo a autora insire con mestría o relato dentro do relato a partir das cartas e do texto autobiográfico de Moncho sobre a súa estancia na Arxentina e mais a fuxida do penal de Ushuaia, onde, ao xeito das grandes novelas hispanoamerianas, a natureza devén un personaxe máis. O desenlace, en que se igualan o psicópata Moncho e o policía Mario, é outro indubidable acerto.

Xa que logo, novela de tese sobre o maltrato machista e mais a pederastia e abuso a menores, pero que tamén manexa outros recursos. Ben é certo que domina nela o narrador que expresa e analiza a súa ideoloxía e ata os personaxes, a través dos diálogos, realizan propostas ideolóxicas. Especialmente rechamante é, por exemplo, a descualificación do pensamento brando e da posmodernidade que realiza Odile (páx. 221). Mais, como dixemos, este tipo de novela ideolóxica e de tese é hoxe moi necesaria e máis cando se refire ao abuso sexual de menores e á violencia machista. Ben é certo que outras teses expostas na novela como a do ruralismo da literatura galega nos sesenta ou a interpretación que fai da aldea actual son máis que discutibles, así como a do suposto elemento igualador de clases da sanidade e ensino públicos actuais, sen especificar que tal como hoxe están non son precisamente unha fonte de igualación social, especialmente no referido ao ensino. A biblioteca galega da familia labrega de Mario demostra un descoñecemento supino do que é a lectura e a cultura do medio labrego en que temos que supor que transcorre a infancia-adolescencia deste personaxe.

(…)

Con todo e como remate, novela coma esta son hoxe, coas súas teses e mesmo digresións ideolóxicas do narrador ou ata dos personaxes moi necesarias, aínda que a algúns lles parezan técnicas decimonónicas. A súa aposta polo antipatriarcalismo, a denuncia do machismo, mesmo nos que parece que o teñen superado, ou dos abusos sexuais a menores e mais a súa defensa do racionalismo científico a propósito de Darwin nun mundo cada vez máis abafado polas teogonías, que xa tanto alporizaban a Curros, fai moi necesaria a lectura desta novela e a meditación sobre as ideas que propón.

Deixa un comentario!