Menu Xerais

“Meu pai vaite matar”, crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no caderno “Culturas” de La Voz de Galicia do 24 de decembro, baixo o tíitulo “A volta narrativa de María Xosé Queizán”,  a seguinte crítica sobre Meu pai vaite matar:

Un libro de María Xosé Queizán, calquera que este sexa, merece de seu ser saudado efusivamente pois poucas traxectorias tan celmosas, e ao tempo  teimosas, a prol da creación literaria en galego, veña esta dos ámbitos da narrativa, a poesía, a tradución, o ensaio ou o xornalismo, podemos atopar en alguén que, desde aquela histórica A orella no buraco (1965), mantén rexa e lucidamente os esteos do seu pensamento e mais da súa singular e privativa ollada interpretativa cara ao noso mundo e os seus arredores; unha ollada considerada transgresora noutro tempo e que hoxe resulta inevitable e operativa para asomarnos e movernos por un mundo cambiante como o actual.

Esta recente novela, que ve a luz tras o ensaio igualmente publicado hai pouco tempo sobre Mary Wollstonecraft, disponse baixo o suxestivo título de Meu pai vaite matar e nela non deixa de lado,  mesmo talvez impulsándoos substantivamente, elementos que se entrecruzan unha e outra vez na súa obra como son a defensa tanto do racionalismo como do antipatriarcalismo, adquirindo agora unha tonalidade talvez un tanto distinta que podería facilitar a súa chegada a un maior número de potenciais lectores. Explícome: Queizán artella unha historia que se alicerza sobre elementos tirados da novela policíaca ou de intriga, con algunhas pegadas do xénero aventureiro e mesmo tintes propios da crónica de viaxes máis canónica. Agroman así, agrupándose con solvencia, fíos que nos conducen por historias persoais marcadas por unha escura trama, coma todas que se alimentan de abusos e do uso da violencia machista nunha relación sentimental. Todo isto derivará  ata confluír noutra relación que manteñen dúas protagonistas, en terras arxentinas, escenario no que se desvelarán as claves que poden explicar unha incógnita familiar de complexa resolución.

De obviar, ao meu ver, certa tonalidade antirruralista e un discurso expresivo talvez pouco verosímil na relación sentimental feminina, é esta unha proposta, de estrutura moi áxil por certo, que vén dunha das nosas escritoras máis experimentadas e arriscadas. Só por iso xa cumpriría achegarse a este Meu pai vaite matar.

 

Deixa un comentario!