Menu Xerais

Recensión de Armando Requeixo sobre «Lois Pereiro. Náufrago do paraíso», de Marcos Calveiro

O crítico Armando Requeixo publica no seu blog unha recensión sobre Lois Pereiro. Náufrago do paraíso de Marcos Calveiro. Reproducímola integramente:

Biopic Pereiro

Achegarse á vida e á obra de Lois Pereiro para facelos comprensibles ao grande público non é tarefa precisamente doada.

Ben sabía do desafío que tal supuña Marcos Calveiro cando aceptou escribir para Edicións Xerais unha biografía novelada con escolma incluída dalgúns dos seus máis significativos versos.

O resultado desa proba de lume é Lois Pereiro. Náufrago do paraíso, texto transxenérico que participa por igual do relato documental e a crónica novelada, nunha liña que xa ensaiaran antes entre nós, con desigual fortuna, Xosé Antón Neira Cruz, Marilar Aleixandre ou Antón Lopo, entre outros.

Mais hai na aposta de Calveiro un achado estrutural que coido abondo atinado: as luces e sombras de Pereiro chegan a nós nunha sucesión de escenas cinematográficas nas que, tras introitos didascálicos de intensión poética, figuran imaxinarios diálogos daqueles que trataron en vida o autor e foron a súa tribo.

Pairando sobre os principais trazos e textos de Pereiro, unha sorte de experimental cadea de flashes ao Wenders fai que Calveiro consiga devolvernos o retrato máis humano e conmovedor dun poeta que viviu defrontado sempre co seu peor inimigo: el mesmo e a súa circunstancia.

A completa cronoloxía final, o suxestivo apéndice fotográfico e a representativa antoloxía de textos cos que se pecha a obra non son senón acaídos títulos de crédito deste logrado biopic literario que, de seguro, agradará aos que lle presente ollos para máis saber da furia húmida e letal do inmenso Pereiro.

Armando Requeixo

Comentarios pechados