Menu Xerais

Recensión de Romina Bal sobre «O meu gato é un poeta», de Fran Alonso

O xornal Galicia Hoxe publicou unha páxina, da man de Romina Bal, sobre O meu gato é un poeta, de Fran Alonso. A páxina, baixo o título de «O amor é un sombreiro que che medra na cabeza», pode descargarse en pdf e reproducímola a continuación:

‘O meu gato poeta enreda coas palabras, bótaas a rodar, retórcelles o pescozo’. Como cóxegas súpetas nas plantas dos pés podemos definir este libro-disco-web ideado e escrito por Fran Alonso e musicado por Xurxo Souto. Unha proposta diferente para cativos a partir dos oito anos enchida de frescura, humor e diversión.

ROMINA BAL
O mar coa súa gorxa de caramuxo asubía o vento que transporta a marea e os teus desexos. Almorzarei cereais con leite. Á merenda dareille outro enfoque. O amor, claro, é o arrecendo a melocotón.

E nós sen saber que o mundo está cheo de poesía, de animais que falan, de voces máxicas que se agochan entre as rochas que descansan devagar sobre a area. Cando neno, a visión do mundo é un continuo xogo, en cada cousiña, por pequena que sexa, apreciamos un mundo de fantasía, de divertimento sen límite. Estar en contacto con ese mundo e non perdelo axuda a potenciar a creatividade, a sermos felices. Ler, estimula os sentidos e fai que ese mundo se expanda ata o infinito.

Se nos mergullamos no universo da poesía podemos achar pedras preciosas agochadas entre as letras e expresar os nosos sentimentos dun modo case que liberador. Para coñecer a lírica, hai que rachar con esa concepción da poesía como xénero difícil e incomprensible.

Un poema pode ter para cada un de nós un significado distinto e todas as interpretacións poden estar ben. Hoxe presentamos un libro-disco-web, unha proposta poética diferente encamiñada para que os nenos a partir dos oito anos se familiaricen e gocen da poesía. A proposta, de Xerais, non podería ser máis fresca e divertida, O meu gato é un poeta, do recoñecido Fran Alonso, é un libro que pretende transmitir a poesía dun xeito lúdico, divertido e, sobre todo, accesible para os lectores e lectoras.
Está ideado coma se fose un xogo ou un obradoiro. O meu gato é un poeta bota man da fusión de xéneros literarios a través da reflexión, da poesía visual, dos xogos de palabras, da interacción, dos caligramas, da narración, da música, das novas tecnoloxías para conseguir seducir e enganchar os máis novos.

O libro vai acompañado dun CD que enriquece o texto grazas á mestura de distintas artes e amplía ante os lectores a súa visión da poesía, permitíndolles abordar novas dimensións e agrandar a súa percepción sensorial. A música das seis cancións do CD é de Xurxo Souto, onde a presenza do seu acordeón é máis que notable.

O meu gato é un poeta conta tamén con web propia www.gatopoeta.net. Nesta páxina o lector poderá atopar máis poemas, información sobre o libro e o disco, xogos, mp3 coa voz do autor recitando, cuestionarios con respostas, etc. Unha completa web que serve para compartir as túas impresión sobre o libro e para saber de preto os teus coñecementos sobre el.

Comentarios pechados