Menu Xerais

Recensión de Xosé Manuel Eyré en A Nosa Terra sobre «V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico»

Xosé Manuel Eyré publica en A Nosa Terra unha recensión sobre V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. Reproducímola integramente:

Gran teatro para ler e escoitar

Unha das razón de ser da literatura é a de amosar relacións, cun mesmo, cos demais, co mundo. Desde sempre a agora tamén. O que mudou/está a mudar é a forma de relacionarse o lector coas historias que le. A aquel lector de macrohistorias, de historias prolixas en complexidades, estase a sumar outro que cada día reclama meirande protagonismo: é o lector que foxe das historias nas que só pode ser espectador, é o lector que reclama historias desde as que poida exercitar o seu dereito a pensar/repensar o mundo e as súas complexidades, o lector protagonista.

O volume do que escribimos contén un cd coa versión radiofónica, neste caso dirixida por Ana Vallés, mais é un libro e como tal libro a súa misión non é unicamente a de acompañar o cd; contén valores literarios que se deben xulgar desde unha perspectiva menos restrita que a da crítica/literatura tradicional herdada.

A fórmula é moi semellante á do audiolibro, inclusive pode e debe ser tida como tal. Sempre que entendamos o audiolibro como un libro que se escoite e se le á vez, telo como simplemente algo para oír significa renunciar a parte dos seus valores porque as dúas versións se reforzan mutuamente. Nisto, hai que sinalar que a correspondencia entre texto e versión radifónica, no caso que nos ocupa, non é total, hai distorsións, o texto tende a ser máis completo, máis extenso. Mais iso no invalida a consideración como audiolibro. Pois a incidencia vai destar a necesidade de reler (e se cadra reouvir), dándose o caso de que isto non é traballoso de facer debido ás dimensións da historia; e tal revisión significa meirande tempo de familiarización coa historia, meirande tempo de reflexión sobre a historia.

A primeira historia (Paraísos, de Xosé Manuel Pacho Blanco) presenta a necesidade de subversión, de rebeldía fronte ao mundo, de imaxinar as cousas doutra maneira. Imaxinen que o rei Juan Carlos morre, imaxinen unha entrevista radiofónica a Roberto Bolaño mentres se fai tempo para agardar os sucesivos boletíns informativos sobre a saúde do monarca. Imaxinen a vida mentres todo isto sucede. E noten como a radio é protagonista na radio. E despois lembren o título: Paraísos. Xa teñen suficientes datos para que a súa imaxinación se excite? Haberá quen diga que non, vivimos tempos históricos no que se refire ás formas de lectura, conviven dúas fórmulas lectoras, xa abondo temos falado, e con elas dous tipos de lectores, e ningunha das dúas é rexeitábel, simplemente son diferentes. E aínda un par de cousas máis: ben pode ser que esta iniciativa que xunta versión radiofónica e literaria constitúa unha estimábel ponte que axude os lectores tradicionais; observen a difícil adscrición xenérica, tanto desta como nas que seguen, o importante é a reflexión que suscite e o de menos que se ría ou chore.

A segunda (Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira) igual que a anterior e a última, comeza con palabras introdutorias que obviamente non aparecen na versión radiofónica, textos nunca extensos que serven de marco para enteder as historias ou, como no caso de Señora Carme, convida á intervención lectora. Logo séguese, en secuencias veretixinosas, unha historia que precisa poucos comentarios, unha historia sobre un tema tan actual como a bulimia. Queremos salientar aquí a capacidade descritiva das personaxes, un necesario labor contextualizador que se ve acompañado polo da música e outros sons, o que indica a consciencia autorial da riqueza de recursos potencial da versión radiofónica.

Carne de Canón, a terceira historia, de Rebeca Montero, achéganos as voces das esquecidas, esas voces que á sociedade do benestar tan pouco lle gusta ouvir porque as súas palabras falan de xentes que viven continentes inxentes de marxinación, de precariedade e explotación para facer posíbel que uns poucos privilexiados non sintan carencia de nada no seu confort. Eis unha denuncia da inxustiza, outra máis, a denuncia dun mundo sen fillos, dun mundo sen auga, dun mundo con guerras. Outra denuncia do cinismo da sociedade actual. Unha denuncia coral que nos leva a pensar no distinto status das personaxxes neste tipo de historias teatrais caracterizadas pola brevidade expositiva. Así ten que ser, importan, máis que as personaxes, as historias e o impacto que estas teñan no lector, impacto que é arma contra o esquecemento inmediato pois procura unha intensa reflexión, por parte do lector, tamén contra os lindes das propias historias para que non reduzan nin migalla a extensión do tema tratado na historia..

Manuel Román, en Señora Carme, presenta unha historia con certa parentela no teatro do absurdo. Reclama a necesidade de imaxinación, de fabulación. Unha historia moi metafórica na cal a intervención do lector/ouvinte resulta imprescindíbel, ao que se lle pide que non esqueza o valor da beleza e das palabras como ancoraxes no mundo, que non deixemos a vida pasar sen vivila. Historia que é tamén reivindicación da liberdade e loita contra  a soidade.

Vistas as catro revélanse puntos de contacto entre elas, malia seren tan diferentes. Contigüidades moito más difíciles de descubrir se as obras foran doutra extesión máis convencional.

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!