Menu Xerais

Reportaxe de Teresa Cuíñas sobre «Non hai noite tan longa», de Agustín Fernández Paz

A xornalista Teresa Cuíñas publica unha reportaxe en El País sobre a publicación de Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz. Reproducímola integramente:

«A verdade doe pero fainos libres»


Agustín Fernández Paz publica ‘Non hai noite tan longa’, a súa primeira novela nunha colección para adultos – “É un axuste de contas coa miña xeración”, afirma

Un día calquera de 2006, a Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) veulle á cabeza a imaxe dun espectro que se dirixe a seu fillo para dicirlle: “Moito tardaches”. Aquela “idea potente”, a do aparecido que viña pedir algo, xa non o deixou en paz mentres empezaba a trazar esquemas, segundo o proceder habitual do escritor nos primeiros pasos dun libro futuro. A comezos de decembro do ano seguinte, Fernández Paz enceta en Biarritz un caderno novo, amarelo como sempre, e dun tirón enche varias páxinas cunha historia que, provisoriamente, chama Fantasmas. Neses apuntamentos xa están definidos, como eixes temáticos do relato e que se manterán durante todo o proceso, o remorso dun fillo que quixo esquecer o pasado e un drama persoal e familiar que cómpre vingar, en certo modo, para procurar o descanso dos vivos e dos mortos. Velaí o cerne de Non hai noite tan longa (Xerais, 2011), acabada de saír do prelo.

O título está tirado dunha pasaxe de Macbeth, e tamén hai aires de Hamlet e de Ulises no protagonista, Gabriel Lamas, quen, á idade simbólica dos 50 anos, retorna á súa aldea natal, Monteverde, o lugar do que fuxiu, coa intención de non volver nunca máis, en 1969. Parece levado por unha forza semellante á da muller da fotografía da capa, Rosa Parks, a costureira de Alabama cuxo pequeno grande acto de xustiza individual, pois sendo negra negouse a lle ceder o asento no autobús a un branco, tivo un papel detonante no Movemento polos Dereitos Civís nos Estados Unidos de América. “Identifícome con esa forma de cambiar a sociedade”, revela, ollando de esguello o retrato de Parks pendurado no salón da súa casa en Vigo, agasallo de Rosa Aneiros.

O discurso une o sentimento de culpa persoal e o estigma da familia co retrato dun país cambiado e mais a evocación dunha época de miseria moral espellada no franquismo. No Souto da Reboreda, o enclave natural idílico no que o destino da familia toma rumbo fatal, apenas quedan castiñeiros. Non hai noite tan longa é unha novela negra, inzada de referencias literarias, cinematográficas e sociais contemporáneas ás personaxes nun esforzo de verosimilitude contado con axilidade e detalle, as marcas da casa. O propio Fernández Paz liquida tamén unha débeda, que lle ronda desde antes de Corredores de sombra, a novela que se inicia coa descuberta dun esquelete entre as paredes do pazo de Vilarelle: “É abrir unha fosa, un axuste de contas coa miña xeración; non podemos esquecer o que nunca se soubo. Aínda hogano seguimos alucinando cos roubos dos nenos”. Explícao Gabriel Lamas: “A verdade doe, pero tamén nos fai máis libres. O delito prescribe, pero a indignidade non”.

Os berros infantís acadan a estancia chea de libros, películas e música, as fontes das guías secretas que introduce nos libros, a xeito de política de lectura persoal que demanda dos poderes públicos, aos que acusa, en cambio, dunha deliberada estratexia do bonsai, “cortar as pólas que estaban medrando de máis”. Proceden dun colexio co que este profesor retirado desde 2008, o ano do Premio Nacional de Literatura Xuvenil por O único que queda é o amor, comparte patio de veciñanza. “Hoxe hai festa nas aulas”, comenta quen co seu nome bautiza bibliotecas; o mesmo que vén de recibir a distinción do colectivo Redes Escarlata “por representar a dignidade de Galicia coa súa renuncia ao Premio da Cultura Galega da Xunta, acto que supón unha censura a unha política inimiga da nosa lingua”.

Se como escritor carece de porta de saída para lectores de todas as idades, como membro de movementos renovadores da escola galega, os seus saberes, baseados no traballo en equipo e na estimulación da imaxinación dos nenos a partir da experiencia persoal, seguen sendo levados á práctica polas xeracións de educadores que el contribuiu a formar. Interesado nun público xuvenil ao que decote dignifica nos seus textos, “porque os que facemos isto en Galicia estamos construíndo un lectorado en galego”, a edición deste novo froito da súa “literatura de fronteira” por primeira vez nunha colección “para adultos” supón un experimento de recepción: “A ver que tal funciona, aínda que xa pasou con outros libros meus noutros idiomas que tiveron aceptación”.

Cabo dun feixe de rotuladores de colores, ao seu alcance ten Indignádevos!, de Stéphane Hessel: “Alédame este espertar social da mocidade; o meu temor é que quede en pouco”. Antes de rematar a conversa, o escritor recorda algo de súpeto. Vai cara ao estante na procura dun libro de poemas e le a Loa da dialéctica, de Brecht. ” Aquel que estea perdido, que loite! / Quen poderá conter a quen coñece a súa condición? / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o endexamais muda en hoxe mesmo”.

Candidato ao ‘Nobel’ infantil

O premio Hans Christian Andersen é o galardón de referencia no eido da literatura infantil. A prestixiosa Organización Internacional para o Libro Xuvenil, IBBY [International Board on Books for Young People], unha entidade non gubernamental con sede en Basilea que garda relacións de cooperación con institucións de todo o mundo vencelladas aos libros, concédeo cada dous anos a un escritor e a un ilustrador vivos “cuxa produción contribúa a engrandecer a literatura infantil e xuvenil”. Tamén con carácter bianual, o IBBY elabora unha listaxe de honra con títulos salientábeis que frecuentan os escritores galegos. Chamádeme Simbad (Galaxia, 2009), de Francisco Castro, é incorporación recente.

No memorial do que fan parte outros afamados teceláns de soños como Gianni Rodari, María Gripe, Christine Nöstlinger ou Ana María Machado, entre os autores recoñecidos desde a instauración do mérito en 1956, pode que en pouco tempo tamén se grave o nome de Agustín Fernández Paz. O pasado mes de febreiro, fíxose público que o escritor galego é o candidato proposto pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil, canda o ilustrador leonés Javier Zabala. O veredito anunciarase durante a vindeira Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia, en marzo de 2012.

Ata entón, Fernández Paz non saberá se terá que viaxar a Londres en agosto dese ano para recoller o galardón durante o 33º congreso do IBBY. Afeito a recibir distincións, a última foi unha mención especial no VI Premio Iberoamericano SM (2010), “polo equilibrio entre a razón e o corazón da súa escrita”, o autor de Contos por palabras (Xerais 1991, Premio Lazarillo 1990, Lista de Honra do IBBY 1992 e título seleccionado pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez como unha das cen mellores obras de literatura infantil española do século XX) recibe a noticia con humildade e sen facer ruído. “Eu non me podo queixar, porque xa teño lectores”.

Teresa Cuíñas

Deixa un comentario!