Menu Xerais

Reportaxe sobre «Guerra civil. Que pasou en Galicia e en España», de Federico Cocho

O suplemento Culturas de La Voz de Galicia publicou o pasado sábado unha reportaxe de M. Otero sobre Guerra Civil. Que pasou en Galicia e en España, de Federico Cocho.

Luz do pasado sobre o futuro

Alumear un dos períodos «máis escuros, violentos e decisivos da nosa historia recente». Iso e o que fai Federico Cocho no seu libro GuerraCivil. Que pasou en Galicia e en España, que edita Xerais e sairá á venda proximamente.
Así o explica no prólogo Carlos G. Reigosa, que asegura que o gran mérito do autor está en facer esta achega «desde o equilibrio, a lucidez e o rigor imprescindibles para non saír da canle marcada polo río dos feitos e non deixar de contextualizar o que sucedeu».
A obra de Federico Cocho (que, tras unha longa traxectoria como reporteiro e informador político,traballa agora no Reitorado da UDC), é froito de catro anos de intenso traballo e vén avalada por unha larga lista de virtudes que garanten a súa credibilidade.
Unha delas é a utilización de fontes de primeira man, ben contrastadas, o que, a xuízo de Reigosa, engade máis valor á súa vertente divulgativa, «sobre todo nun país onde os historiadores aínda figuran enfrontados e divididos en dous, ou tres, bandos».
Mais aló das polémicas, o que nos deixa o novo libro de Federico Cocho é o relato do «rudo encono duns anos de esperanzas, erros e atrocidades», ademais de sentar as bases «que nos permiten entender o fracaso colectivo de España, albiscando, de paso, os seus responsables e as súas bárbaras consecuencias».

A «carreira cega» cara a catástrofe

«[...] Entre 1914 e 1945 numerosos conflitos convulsionaron Europa. Nese breve espazo de tempo padeceron guerras civís os irlandeses, os rusos, os gregos e os fi neses; caeron tres imperios, morreron millóns de persoas en dúas guerras mundiais, triunfou a revolución rusa, fracasaron outras dúas e ascenderon e caeron o nazismo e o fascismo. Con este panorama, sintetizado por J. Casanova, a Guerra Civil española semella menos anacrónica, por moito que se tratase do cuarto golpe en menos de 15 anos.
«A guerra española estoupou por causas estritamente internas, mais non se debe esquecer que xunto a confl itos ideolóxicos autóctonos (o factor relixioso, por exemplo) aliñábanse outros de carácter político que tamén se dirimían en Europa e que desembocaron na Segunda Guerra Mundial. Por iso non lles falta razón aos que catalogan a guerra española como prólogo da contenda mundial. A guerra era española, pero desde os primeiros días internacionalizouse por mor da axuda nazi e fascista aos militares sublevados, a inhibición das democracias europeas e, posteriormente, o apoio da URSS á República.
«Houbo responsabilidade política nos partidos que deixaron a República sen apoio, primeiro rebelándose contra ela e logo xogando a vía do desgaste para que madurase o momento da revolución (Largo Caballero).
Hóuboa, por suposto, na irresponsabilidade, cegueira e tremenda debilidade do Goberno de Casares Quiroga. Hóuboa tamén, resulta obvio, en dirixentes como Calvo Sotelo, que deron cobertura ao golpismo e á estratexia do golpismo, ou por parte de Gil Robles, que se deixou arrastrar nesa dirección e logo liscou dicindo que non foi posible a paz. «Responsables foron os axitadores revolucionarios dedicados á sabotaxe, á queima de igrexas e conventos e aos atentados que fi xeron da orde pública o gran problema e o grande obstáculo para a convivencia. Sumáronselles os pistoleiros falanxistas lanzados á subversión fascista e a crear o estado de cousas conveniente por toda España —incluso alí onde, como en Galicia, non podían pretextar previa provocación dos revolucionarios— para que o exército se levantase e tamén os fanáticos requetés preparando o seu propio miniexército para restaurar a monarquía católica e autoritaria.
Responsables foron patróns e terratenentes que financiaron o pistoleirismo ou impuxeron unhas condicións laborais semiescravistas. «Pero se un sector do Exército non se sublevase contra o Goberno lexítimo, sabendo o custo de sangue que a súa vontade de limpeza patriótica e reaccionaria arrostraba, non estouparía a Guerra Civil: a peor das solucións aos males de España, que eran moitos, fosen estruturais ou conxunturais.
«A guerra sería evitable se os extremismos antidemocráticos non conspiraran desde o primeiro día contra a democracia republicana. Ao cabo, un deles, o militar, o brazo armado do propio Estado, derrubouna. Aquel Exército de 1936 estaba en mans de militares feitos na loita en África, eran católicos antigos, ultraconservadores, vinculados a patróns e terratenentes e non soportaban o clima de desorde pública. Rexeitaban os estatutos de autonomía —nos que vían puro separatismo—, odiaban á clase política en xeral e embrutecéranse na guerra de Marrocos [...]».

M. Otero

Deixa un comentario!