Menu Xerais

Salma, autora de «Despois da medianoite», visitará esta semana en Galicia

Hoxe domingo chegou a Galicia Salma para participar nos actos de presentación da novela Despois da medianoite, (Irandaan Jaamangalain Kathai ), un fito na literatura tamil, traducida para o galego por María Reimóndez. Convidada por Implicadas/os no desenvolvemento, Salma viaxou dende Támil Nadu (un estado índio que conta con 65 millóns de habitantes) até Galicia para falarnos de primeira man desta súa novela, da súa realidade e do que implica ser muller, musulmá e escritora na India.

Salma (Thuvarankurichi, 1970) é unha das escritoras támiles máis relevantes do actual panorama literario indio. Provén dunha familia tradicional musulmá dunha aldea próxima á cidade de Tiruchirapalli e como moitas mozas da súa rexión non rematou a escola primaria. Aínda así, dende os trece anos comezou a escribir poesía e máis adiante a publicar en revistas literarias. Durante anos escribiu na clandestinidade, pola oposición da súa familia. A súa obra foi obxecto de críticas destrutivas en sectores literarios polo uso da sexualidade feminina dunha maneira aberta na súa obra e tamén polo contido feminista dos seus escritos. En 2001 accedeu de xeito accidental (pola obrigada cota de xénero na India) á política; comezou sendo membro do Panchayat (asemblea local) para converterse logo en candidata polo seu distrito electoral polo DMK (Dravida Munnutra Kazhagam, partido nacionalista támil laico e progresista) ata chegar a ser directora xeral de Asuntos Sociais do Goberno de Támil Nadu, cargo que ocupa na actualidade.

No entorno abafante dunha pequena aldea de Támil Nadu, do outro lado da luz, no escuro da medianoite, no lugar pechado das casas e das cociñas, no reverso das normas da comunidade, transcorren as vidas de Rabia, Wahida, Rahima, Zohra, Firdaus e o resto das mulleres de Despois da medianoite. As súas arelas, os seus problemas e solucións vannos levando por un camiño de dificultades onde a busca da liberdade se atopa fanada de maneira constante. As finas estratexias de cada unha das protagonistas amósannos os atrancos que as mulleres atopan para desfacer as posicións que lles veñen dadas, que lles son inoculadas a cada paso dende a infancia.

Despois da medianoite supón un fito na literatura támil e propuxo un controvertido berro crítico dende o interior da minoría musulmá, un berro nidio e complexo. Cunha prosa de fiar moi fino, atenta ao detalle, aos tirapuxas de quen loita con forzas desiguais contra cumprir as normas e rachar con elas, a voz destemida de Salma axúdanos a penetrar no escuro, lonxe dos estereotipos e máis preto dun entendemento liberador.

Na súa estancia en Galicia, Salma manterá contactos cos medios de comunicación galegos e desenvolverá un amplo programa de actividades, preparado por Implicadas/os no desenvolvemento, en colaboración con Xerais e diversos centros educativos e cívicos de Santiago e Vigo, cidades que visitará.

Mércores, 1 de xuño

  • Visita asociación de mulleres ALBA en Santiago de Compostela. O diálogo sobre as accións das asociacións de mulleres en Galicia e en Tamil Nadu permitirá que ambas partes coñezan qué é o que se fai dende os movementos feministas en ambos contextos.
  • Presentación da novela Despois da medianoite en Santiago. Ás 20:00 h. na Praza de Cervantes. Coa colaboración da Libraría Couceiro.

Xoves, 2 de xuño

  • ·Visita ao IES Alexandre Bóveda. Ao longo de dúas sesións Salma e María Reimóndez, dúas das autoras do libro Vanakkam/Benvidas, intercambiarán impresións co alumnado (que terá traballado previamente co documento), e comentarán de primeira man cuestións referidas tamén ao país de orixe de Salma, a escrita das mulleres ou a cooperación ao desenvolvemento (11:30 e 13:25 h).
  • Presentación da novela Despois da medianoite en Vigo. Será ás 20:00 h. na Libraría Librouro.

Venres, 3 de xuño

  • Obradoiro literario coa cidadanía. Esta xornada de obradoiro de escrita creativa aberta á cidadanía de Vigo e coordinado por Salma e María Reimóndez engadirá aos tradicionais obradoiros literarios o aliciente de poder contar cunha autora que provén doutro sistema literario e que poderá contribuír cunha lingua e imaxes diferentes a ese traballo xa existente na cidade (17:00-19:30 h. Centro de Documentación e Recursos Feministas da Cidade de Vigo, C/ Joaquín Yánez, 6, 2º andar). Para inscribirvos, non tendes máis que mandar un mail a info@implicadas.com antes do martes 31 de maio.

Sábado 4 de xuño

  • Encontro de poetas galegas con Salma. Dita xornada constará de dúas sesións.
  • Durante a sesión da mañá (11:00 – 14:00 h.) terá lugar un intercambio de experiencias aberto entre as autoras galegas convidadas e Salma. Traballarase tamén a creación de textos conxuntos.
  • A sesión de tarde (17:00 – 19:00 h.), aberta á cidadanía, comezará cunha mesa redonda, na que participarán Salma e outras autoras, e concluirá cun recital no que as convidadas compartirán a súa obra co público asistente (entre o que agardamos vervos!). Esta xornada terá lugar no Museo Liste (R/ Pastora nº 22, Vigo).

Deixa un comentario!