Menu Xerais

«Suso de Toro e os destrutores de mitos»: anotación de Xosé Manuel Eyré

Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog, Ferradura en tránsito, a anotación «Suso de Toro e os destrutores de mitos».

Suso de Toro e os destrutores de mitos

Dúranme aínda os ecos da velada que en Codeseda (A Estrada) nos xuntou  a debater en conversa a  redor do mito. Temo e agardo que tampouco se apaguen agora.

Agora lembro que un dos meirandes destrutores de mitos da actualidade é Suso de Toro. Nunca cesou nese afán. E del se recollen algúns dos mellores froitos que a escrita de Suso de Toro deixou. Sé botamos unha ollada ao seu corpus narrativo resulta doado ver como hai un antes e un despois da Sombra cazadora- e non quero renunciar ao comentario que o título provoca: sombra, prsenza intanxíbel, tal que os mitos; cazadora, que, como se verá, remata por nos conquistar. Antes Suso de Toro movíase polas terras pouco exploradas aínda ( a narrativa galega estaba aínda no labor vertebrase e acadar dinamismo histórico fóra das gadoupas que historicamente a afogaron…desde o seu medieval nacemento), polas pouco exploradas terras da destrución dos  mitos, polas atraentes terras da liberdade que reclama o poder do agromar novo indicador de que non só existe unha corrente de auga. E lese, despois, un autor que tenta acomodar o seu discurso ao canon da novela clásica, onde deixa reaparecer ecos do primeiro Suso de Toro ( Círculo).

Hoxe Sartre é calquera. O papel do intelectual está ao alcance de todos e a figura do intelectual perdeu toda autoridade, o que diga non só é discutíbel é que vai ser discutido, negado, sometido a burla. Iso non hai autoridade que o resista. Internet cuestiona toda autoridade, mais iso non garante por si mesmo que o poder pase a toda a xente.

Estas palabras súas son ben claras. E veñen moi a conto, se do mito estamos tratando. Fala do intelectual, tanto dos que crean mitos como dos que nos in-ducen (ducere) coñecemento a partir do mesmo mito, á vez porque veñen sendo figuras residentes na mesma identidade. E rescato, delas, unha: autoridade. Non resulta lóxico o seu emprego. Nunca, o intelectual, pretendeu autoridade sobre nada, absolutamente nunca; iso é unha cousa e que os demais lles concedamos ascendencia na configuración da nosa maneira de pensar ( de ser, de existir)…iso é outra ben diferente.

Lembro outro artigo recente, que ben ilustra a actitude que sempre guiou a Suso de Toro.

Porén, nin o mesmo Suso de Toro é quen de vivir á marxe do mito. Poden comprobalo aquí, xa no mesmo título, e, se queren, deánlle un repaso á súa narrativa ( Calzados Lola, Non volvas, Trece badaladas…).

Vivimos nun tempo onde os cazadores de mitos se espallan e estercan por todos lados. O ser humano leva no seu sangue ese instinto cazador, e non se dá desfeito del senón que chega a coverterse no seu vórtice vital.

Neste noso mundo desacralizado e laico triunfan os esqueletos, as momias, os zombies. E os máis fermosos protagonistas son os vampiros, esa promesa de maxia, misterio da morte, eternidade. É ben razonábel, é o máis sensato, que esta mocidade romántica procure historias de vampiros.

Mais ha ser por algo que, malia tanto cazador de mitos, este revive e recobra forzas até cazar ou colonizar o imaxinario de ficcións consumidas. Ficcións: narracións: mitos.

A vida é así, unha sombra cazadora. Nin nos deixa ser só cazadores de mitos, nin tampouco construtores de mitos, e está a reclamar que tampouco haxa condutores no mito ( iso foi cousa da modernidade, cando o seu humano reclamaba que o seu intelecto era quen de gobernar o mundo e a súa vida).

A vida é así, mito permanente. Sempre foi así.

A diferenza, que agora, xa adestrados ou tempo tivemos diso, agora o mito reclama que sexamos nós quen nos adentremos, que o comprendamos, que o vivamos.

Sempre haberá maís mitos a cazar. Sempre haberá máis mitos a construír. Sempre nos quedarán máis mitos a coñecer, sempre nos quedará máis coñecemento a extraer dos mitos. Matalos antes de os coñecer só nos condena, como a Sísifo, á esterilidade reiterada.

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!