Menu Xerais

“Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal”

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog esta moi fermosa anotación sobre Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal escrito por Antonio Reigosa e ilustrado por Noemí López:

Antonio Reigosa e a ilustradora Noemí López reúnen neste fermoso volume un conxunto de mitos e lendas sobre o tempo do Nadal que son un agasallo para os máis pequenos da casa, mais tamén poden gozar coa súa lectura os maiores. O texto e as ilustracións forman un conxunto harmonioso que converten ademais o libro, como obxecto material, nunha fermosa obra artística.

O libro presenta o Nadal e os seus ritos como un sincretismo de costumes e tradicións, que van desde os mitos celtas e orientais ata os textos dos Apócrifos. Explica tanto a lenda do nacemento de Cristo como da tradición pagá da árbore do Nadal. Mais tamén podemos achar informacións sobre outras tradicións desta festa, que van desde os xurdimento dos primeiros calendarios ou dos beléns ata o establecemento da lotaría.

O Nadal, dun xeito acertado, é presentado como un fenómeno ao que realizan a súa achega diferentes culturas, desde as orientais de Mitra ata as Saturnalia pasando polo cristianismo. Mesmo o autor informa como chegaron a Galicia algunhas destas tradicións exóticas, como o culto de Mitra, na Lugo romana. Tradicións de noso como os capóns de Vilalba ou os tizóns son explicadas dun xeito ameno para grandes e maiores co apoio dunhas ilustracións moi conseguidas. Xa que logo gozo para a lectura, mais tamén para a contemplación visual.

Atina así mesmo o autor na amplo uso que fai da tradición do conto popular galego relacionado coas festas e celebracións do Nadal, así como coa alusión a obras artísticas galegas que teñen como tema motivos destas festas. Mais tamén engade as tradicións europeas, latinas e mesmo de latitudes máis afastadas no tempo e no espazo, como as antigas civilizacións celtas ou orientais. Así consegue de forma moi axeitada incardinar o local co universal.

O libro ademais non queda nun puro etnografismo e é sensible ás tradicións que impón a sociedade urbana e dos medios do século XXI. Así explícase, por exemplo, a tradición das doce uvas ou as badaladas de fin de ano televisadas. O derradeiro capítulo falános dos xogos, cantos e representacións do Nadal e aquí realiza unha admirable divulgación de tradicións como o Ordo Prophetarum ou o Officium Pastorum, mais sen caer na erudición aburrida e sempre co ollo na actualidade, pois ao carón destas tradicións medievais aparecen, por exemplo, as mediáticas carreiras de san Silvestre.

Cómpre salientar así mesmo o coidado posto na lingua do libro, que ofrece un galego identificado, o que é de agradecer nunha obra dirixida a un público tan amplo e da que os cativos son receptor privilexiado. Xa falamos do coidado da impresión, que converte este volume nun obxecto de arte e onde ata o colofón resulta axeitado, así como a bibliografía para o que queira profundar nos temas tratados.

Xa que logo, para estes días é un agasallo máis que apropiado e esperemos que se converta nun galano típico de todos os Nadais futuros.

 

Deixa un comentario!