Menu Xerais

Volve á actualidade «A gaita gallega», de Xoán Manuel Pintos, co bicentenario do autor, que se celebrará durante todo o ano en Pontevedra

O xornal El País informa hoxe, en noticia asinada por Víctor Honorato, do bicentenario de Xoán Manuel Pintos, ao cumprírense 200  anos do seu nacemento (Pontevedra, 1811 – Vigo, 1876). Xoán Manuel Pintos foi un dos máis importantes precursores do Rexurdimento e a súa obra transcendeu grazas á publicación de A gaita gallega (1853). A cidade de Pontevedra celebra a súa figura cunha serie de actos que se prolongarán durante todo o ano. O primeiro, mañá, no Teatro Principal, cunha homenaxe do Concello á que asistirán varios membros da Real Academia Galega.

A gaita gallega tocada polo gaiteiro, ou sea carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega, e aínda máis é  un clásico da nosa literatura que paga a pena coñecer e o primeiro libro en galego –aínda que contén textos en castelán– publicado por un autor da xeración dos Precursores. A gaita gallega foi editada por entregas ao longo do ano 1853 pola imprenta de D. José y D. Primitivo Vilas de Pontevedra e constitúe o libro fundacional do Rexurdimento e mesmo a obra programática deste movemento. Estructurada en sete foliadas de extensión desigual, a parte principal da obra está constituída polo diálogo entre dous personaxes, o tamborileiro Pedro Luces, un mozo de orixe castelá, e o gaiteiro que vive no Burgo pequeno, barrio da cidade de Pontevedra. Por medio deste diálogo, Pintos amosa, entre outros aspectos, unha descrición fiable da situación económica e social de Galicia, en especial de Pontevedra e do contexto sociolingüístico do idioma, a carón dun conxunto de exhortacións dirixidas á propia sociedade co obxectivo de modificala. O tema central da obra e o seu obxectivo primeiro é a defensa de Galicia e, como consecuencia, a reivindicación e a defensa dos seus costumes, dos seus lugares, das súas xentes e, por suposto, da súa lingua. A crítica aos comportamentos que provocan o estancamento do país, a presentación de alternativas viables para mellorar a situación ou a simple presentación de argumentos para apoiar esas reprensións públicas son os mecanismos dos que se vale o autor para a consecución da súa finalidade. Pintos artella esta defensa sobre varios eixos temáticos: a descrición e enxalzamento da lingua galega; a análise da situación económica, sobre todo dos labregos, que se presenta como catastrófica; a vida dos emigrantes, presentada como a propia duns escravos modernos cos que se comercia; o mal funcionamento dos distintos órganos da Administración, exemplificado fundamentalmente na administración da xustiza.

Comentarios pechados