Menu Xerais

A cuestión nacional e o seu abandono: «A derrota de Galicia», de Antón Baamonde. Crítica de Alfredo Iglesias Diéguez

Alfredo Iglesias Diéguez publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre o libro  A derrota de Galicia, de Antón Baamonde.

 

 

Derrotado país

En profunda transformación

Galicia, a nación forxada na alta Idade Media dacabalo entre a herdanza castrexa, romana e sueva, os tres elementos constituíntes da nosa nacionalidade, que agromou con forza nos tempos de Xelmírez, os trobadores e os reis de aquén Miño, está en perigo na actualidade? Resulta obvio, se compartimos o pensamento de Castelao –aquel que podemos resumir na frase de Sempre en Galiza:“non esquezamos que se o aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”–, que a galega é unha nación en perigo de morte, cando menos se temos en conta o progresivo abandono do emprego do galego nas áreas urbanas e entre os segmentos de idade máis novos.

Efectivamente, semella que o avance da urbanización –na volta do 70% da poboación galega vive en áreas urbanas ou periurbanas–, e da modernización da economía galega –plenamente terciarizada–, que tivo lugar nos últimos 30 anos,unido a un proceso de acelerada“españolización”da sociedade galega, paradoxalmente nun momento histórico marcado polo desenvolvemento de institucións democráticas galegas: a Xunta de Galicia,o Parlamento de Galicia e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e, xa que logo de autogoberno galego, son elementos determinantes do proceso de abandono do galego por amplos sectores da poboación.

As causas dese acelerado proceso de desgaleguización e, paralelamente, de “españolización”, poden atoparse no noso pasado recente, nos tempos da ditadura franquista –que freou a galeguización da sociedade que principiaba na II República–; na inexistencia dunha burguesía que apostase por Galicia como nación, no canto de ter sempre os ollos postos en Madrid; no profundo sentimento de autoodio das clases populares galegas…; ás que cómpre engadir unha escasa capacidade proactiva –nun sentido galeguista– das institucións autonómicas, que en 30 anos de autonomía non foron quen de fomentar unha conciencia galega na sociedade.

Estas e outras reflexións que xiran arredor da cuestión nacional galega, da profunda transformación que viviu Galicia nos últimos anos ou do papel de Ramón Piñeiro na formación dunha conciencia galeguista na sociedade galega, constitúen o fío condutor do importante libro de Antón Baamonde, A derrota de Galicia.

Alfredo Iglesias Diéguez

Deixa un comentario!