Menu Xerais

A literatura luminosa de Agustín Fernández Paz. Crítica de Armando Requeixo sobre «Fantasmas de luz»

O crítico Armando Requeixo publicou nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños unha recensión crítica sobre Fantasmas de luz, de Agustín Fernández Paz.

 

A literatura luminosa de Agustín Fernández Paz

Fiel á súa cita periódica co lectorado, Agustín Fernández Paz publicou semanas atrás Fantasmas de luz, unha historia de alento fantástico e trasfondo simbólico que foi ilustrada con mestría por Miguel Anxo Prado e editada con esmero por Xerais.

Dende o argumental, esta novela curta —son apenas cento vinte páxinas nunha caixa moi esponxada, á que seguen unhas engádegas a xeito de amplificacións episódicas que se presentan co descritivo título de “Tomas extra”— relata a historia dun operador de cabina de proxección que, aos cincuenta e tres anos de idade, fica no paro, co conseguinte pequeno grande drama que iso supón nun momento como o actual, véndose condenado ao desemprego indefinido como tantos traballadores de certa idade, marxinados por un mercado laboral en absoluto integrador.

Todo o anterior articúlase a través dunha trama na que o parabólico cobra forza e onde o papel do amor e a solidariedade social son decisivos, por máis que moitas outras presenzas poidan tamén rastrexarse nestas planas, ben como temas secundarios ben como simples motivos, tal o tabeironizado papel dos empresarios depredadores, o laio por un mundo de maxias cinematográficas que desaparece para proseguir baixo a forma de comercio deshumanizado ou as complicacións que a adicción ao traballo pode provocar nos difíciles equilibrios da vida en parella.

Por tanto, Fantasmas de luz vén ser a particular homenaxe que Fernández Paz rende á Sétima Arte, pois en non poucos sentidos esta novela é un curioso cóctel que participa por igual do Cinema Paradiso de Tornatore, o Invisible Man de Ralph Ellison (co mestre Wells ao fondo) e tamén coas claves propias de libros anteriores, como, poño por caso, O meu nome é Skywalker, onde o tema da invisibilidade social dos febles e desfavorecidos é tamén evidente.

Narrada coa impecable resolución e efectividade na intriga que caracterizan todos os produtos da factoría Fernández Paz, Fantasmas de luz é un notable exercicio de exploración dos sentimentos e reinvención dun futuro esperanzador, que aposta pola superación da desoladora crise social que nos tocou vivir a través da recuperación dos valores dun pasado experiencial do que convén nutrirnos e aprender para reinventarnos de cara ao futuro.

Así pois, imponse observar a lección desta película de palabras, que nos recorda que, moitas veces, vagamos como luminosos espectros que ansían fondamente visibilizarse.

Armando Requeixo

Deixa un comentario!