Menu Xerais

A memoria de Fausto Galdo no «Abecedario das mantenzas». Artigo de Alfredo Conde

O escritor Alfredo Conde escribiu, no seu artigo de El Correo Gallego, sobre libro Fausto Galdo e o seu libro Abecedario das mantenzas.

 

Hai outros casos nos que a memoria se me atravesa. Fausto Galdo, morreu hai pouco. Foise sen que se me acordara preguntarlle ónde fora o lugar no que máis a miudo nos trataramos. A miña memoria dime que en Pontevedra, sendo el un médico novo, antes de se marchar a ampliar os coñecementos propios da súa ciencia/arte a Barcelona. Deso estou certo. Pero o que non son quen de fixar é se estaba alí por conta de traballlar nun vello sanatorio, hoxe xa desaparecido, ou de facer a mili. Pero ó millor foi a causa das dúas cousas, vai ti sabelo.

O caso é que fose por unha razón ou por outra, a súa fasquía de home grande e bo permanece sempre intacta, afectuosa e cordial, chea de vida e de vitalidade e de optimismo a rebentar. Agora acabo de facerme cun libro seu, recen saído do prelo. Titulase Abecedario das Mantenzas e aínda non me atrevín a abrilo: sei que estará cheo de todas esas cousas que acabo de escribir e dalgunhas outras máis que, todos vostedes, según o vaian recorrendo han ir atopando como as hei atopar eu cando me decida a ir, palabra por palabra, sabendo de todo aquelo que o fixo a el ser como foi e nos pode axudar a todos nós a ser algo parecidos a el na xenerosidade do seu espírito, na súa cordialidade, na súa bonhomía e mesmo naquela súa actitude contaxiosas que só axudaba a ollar o lado fermoso da vida.

Non será unha pequena inversión a que se faga mercando este libro fermosa e recentemente editado por Xerais. Abecedario das Mantenzas, sí; pero como non só de pan se mantén o home as que se recollan no texto han ser todas aquelas outras que axudan a manter os espíritos coa magnanimidade do amigo que acaba de deixarnos.

Alfredo Conde

Deixa un comentario!