Menu Xerais

A caixa de marmelo que conduce á División Azul: «A noite branca», de Francisco X. Fernández Naval

Os xornais Galicia Hoxe e El Correo Gallego publican unha crónica da presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, en Ourense.

 

 

O ourensán ‘Chisco’ Fernández Naval novela en ‘A noite branca’ a participación galega na División Azul

O escritor natural de Ourense Francisco Fernández Naval presentou   a súa última novela titulada ‘A noite branca’ como o proxecto   literario máis importante da súa vida a pesar de que nunca se lle   ocorreu que escribiría sobre unha guerra. “Todo cambiou cando atopei   nunha caixa de marmeleiro a foto dunha muller que comezou a falar   comigo cada noite, sentada na miña cama”, sinalou.
O autor de novelas, poesía, literatura xuvenil, teatro e guións de   televisión ‘Chisco’ Fernández Naval, acompañou a presentación con   música de piano, presente tamén no libro, nun acto público no que   interviñeron tamén os escritores Fran Alonso en representación da   editorial Xerais, e José Luis García Mañá e o historiador   especializado en emigración e participación galega na División Azul,   José Manuel Núñez Seixas, en videoconferencia dende Alemaña.
Máis dun cento de persoas asistiron á presentación e entre elas   varias presentes na novela de 400 páxinas, nas que un suposto   escritor chamado Marcos intenta recuperar datos sobre un familiar seu   que participou na División Azul e, para iso, recorre a familiares e   amigos, varios deles aínda vivos e cos seus nomes reais como   Eustaquio Puga, Fidel García, Alexandre Naveira, Manuel Outeiriño,   David Cortón, Marisa Crespo ou Xullo Prada, entre outros.

FOTOS E CARTAS
‘Chisco’ explicou que nunha vivenda da súa familia apareceu unha   caixa de marmeleiro na que se gardaban cartas enviadas dende Rusia   por un familiar seu que se alistou na División Azul, organizada polos   falanxistas para axudar ao exército de Hitler na fronte rusa.
“A miña nai identificou as cartas e ás persoas que saían nas fotos   e un primo díxolle que mo dese todo a ver se eu facía unha novela   diso”, explicou.
Segundo manifestou o autor, nunca tivo intención de escribir nada   relacionado con guerras, pero na caixa estaba a foto dunha muller,   que agora é a portada da súa novela, e que un ano despois de ver todo   o material, comezou a entrar na súa vida e cada noite falaba con el   sentada no bordo da súa cama.
Cando decidiu indagar e escribir a súa novela, ‘Chisco’ realizou   coa fotógrafa Maribel Longueira a viaxe que en 1941 emprenderon os   200 galegos da División Azul dende A Coruña ata a cidade de   Novogorod, a última en Polonia antes de chegar á fronte ruso.    VIAXE
“Así puiden explicar con naturalidade as condicións da viaxe e   indagar no que foron atopando, como un grupo de xudeus que falaban   perfectamente o español porque as súas familias eran emigrantes en   Cuba e en Arxentina, e entre eles un recitou a Rosalía de Castro”,   recordou.
O resultado recollido en algo máis de 400 páxinas é “case todo   ficción, pero todo é real”, e de feito, segundo puntualizou o autor,   todo o que lles vai acontecendo no camiño ata Rusia e narrado no   libro, “aconteceu de verdade” e nos lugares e momentos sinalados,   “pero non necesariamente pasoulles a eles”, aclarou.

A DIVISION AZUL E GALICIA
Segundo o investigador Núñez Seixas, antes desta novela non había   un achegamento tan completo ao tema da División Azul “e con tanta   sensibilidade, tendo en conta tantas voces diferentes”, agregou.
Polos datos recompilados polo autor da novela, en 1941 saíu cara a   Rusia un primeiro envío de soldados alistados na División Azul dunhas   18.000 persoas, das que entre 1.000 e 1.200 eran de Galicia.
O historiador Julio Prada, tamén nomeado na novela, explicou a   Europa Press que nese momento saíron de España 18 trens, pero a Rusia   chegou un convoi de 138 vagóns con homes, cabalos e vehículos e entre   os supostos voluntarios “a maioría eran falanxistas convencidos, pero   tamén había moitos presos aos que se ofrecía redución de penas se se   ían á fronte ruso, e ao final o continxente chegou a sumar uns 45.000   españois”.

Deixa un comentario!