Menu Xerais

A novela que é un pracer ler: «As voces baixas», de Manuel Rivas. Crítica en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publica unha anotación crítica sobre a última novela de Manuel Rivas, As voces baixas.

 

 

As voces baixas

A primeira novela “seria” que lin foi Nada de Carmen Laforet; antes xa chapodara varias veces os cómics do Capitán Trueno, Jabato e os que había preto, aqueles intercambios que faciamos na tenda que había xusto fronte da casa de meus pais, e á que acudiamos cada día. Moitas veces me teño preguntado como era aquel sistema de intercambio interminable grazas ao cal podiamos ler tanto sen apenas gastar. Logo viñeron os libros d’Os cinco e sobre todo os de Puck -aínda teño toda a colección- e, por suposto, Martín Vigil ao completo, ademais de Agatha Cristie -meu pai era un gran lector de novela negra- e Conan Doyle. Non sei como cheguei a Nada, maxino que foi unha lectura herdada de meus irmáns igual que o era a roupa. Pero si recordo que aínda que xa fora unha devoralibros, este significou o meu paso a outro tipo de lecturas. E cantos anos tiña? 14? Un libro que me marcou como lectora “adulta”.

Pois ben, cando comecei a ler As voces baixas de Manuel Rivas -publicado por Xerais- o meu desexo foi volver a esa idade e que esta constituíse a miña primeira lectura, por ese recordo indeleble que permanece ao ter marcado a vida lectora dunha persoa. Porque este libro é un pracer exquisito, gorentoso da palabra literaria. Porque percorrer as súas páxinas é sentir amor pola palabra impresa, ese amor que quero transmitir ao meu alumnado e non sei o consigo. Por iso, gustaríame ter arestora 14 anos e descubrir este mundo literario, o templo das miles de portas que podemos abrir cada día para percorrer novos espazos -máis afastados, máis achegados- e abraiarnos no camiño.
E aínda que sempre dixen que me gustaba máis o Manuel Rivas das “distancias curtas” (magníficos os seus artigos xornalísticos, xeniais os seus relatos curtos), agora son quen de me desdicir para proclamar a voz en grito “que ben escribe”. É un pracer esta novela, con bágoa final incluída, tentando identificar na diferenza de anos o meu percorrido infantil e adolescente. Admirando o amor pola palabra, a súa importancia e a súa riqueza. Percorrendo a súa infancia, a súa adolescencia, o paso da ditadura, a intrahistoria particular… E a maleta, a maleta do emigrante, a maleta que a nosa xente nova volve coller para marchar, desta volta sen a esperanza do regreso.  E o humor, o prebe dos pobres. E a galería amatoria de personaxes, a poesía, a sutileza, a maxia, a tenrura, a humanidade, o enxeño. As experiencias compartidas.

E como contrapunto, o medo como lectora de Rivas desdebuxándose como escritor: o Rivas que afirma “Tengo la sensación de que es el primer y último libro. Tiene una parte de cántico de la vida, comenzando por cosas humildes y sinceras; también tiene una parte de viaje al lado doloroso de la vida. Está hecho con el hilo de la ironía y el hilo de la lástima”. E un pecha o libro e ora “por favor, Rivas, que non sexa o último!!!”. Porque queremos seguir conmovéndonos contigo, queremos seguir emocionándonos, e porque nos gusta presumir da nosa boa literatura galega.

Deixa un comentario!