Menu Xerais

A reivindicación de «A narrativa mariña», de Gonzalo López Abente, en Muxía

En Compás da Costa, Alberto Pose publica unha crónica da presentación en Muxía de A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, en edición de Suso Sambade e en colaboración coa Fundación López Abente.

Narrativa mariña e muxiá para a Biblioteca de Xerais

A colección da editorial Xerais “Biblioteca das Letras Galegas” xa conta cunha nova obra, neste caso trátase da Narrativa mariña do escritor muxián Gonzalo López Abente. En total xa son máis de 60 títulos dentro desta colección na que podemos atopar autores como Ramón Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro…

Este volume de López Abente, editado por Xesús Sambade, pretende dar a coñecer os seus relatos curtos. En total trátase do reagrupamento de cinco novelas que pretende poñer novamente a disposición dos lectores e estudosos o conxunto narrativo máis destacado do escritor.

A benvida a esta nova obra déuselle na biblioteca municipal de Muxía o pasado sábado. O encargado de presentar o acto foi o vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente: X.H. Rivadulla Corcón, quen destacou  que “a obra e vida de López Abente estivo dedicada a defensa da nosa cultura e do noso idioma”. Así o demostra o feito de que toda a creación do autor está escrita na súa totalidade na lingua propia de Galicia.

Xesús Sambade foi o encargado da edición de “A Narrativa mariña”

No acto tamén estivo presente Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia que salientou o carácter didáctico do libro e que agarda ademais, “que a nosa contribución permita por en valor a un dos creadores de narrativa galega do século XX.”

Pola súa parte, o director da Colección Biblioteca das Letras Galegas, Ramón Nicolás salientou o feito de que esta colección contribúe rotundamente a que se volva a ollar obras como a de López Abente, Lueiro Rei, Manuel Luís Acuña… autores que non chegaron a ser tan loados como Rosalía ou Pondal a pesares de que tiveron un papel destacado dentro do patrimonio literario e cultural galego.

Ramón Nicolás destacou tamén as dificultades que ata o de agora existían para acceder a obra de López Abente. Polo que eloxiou o papel do Padroado xa que «a labor de difusión da obra poética e narrativa de López Abente por parte da Fundación facilita e permite o acceso ao coñecemento, a lectura e a valoración do autor muxián.”

O último en intervir foi Xesús Sambade, responsable da edición de Narrativa mariña. Na súa intervención fixo unha descrición do libro de Abente resumindo brevemente cada un dos textos que forman o libro. En total son cinco relatos onde o mar vai xogar un rol fundamental. Así, forman parte deste libro O diputado por Beiramar (1918) coa que foi gañador do premio literario A Nosa Terra; O novo xuez (1922), Buserana (1925) e Fuxidos (1926), Completa o volume un apéndice coa novela O escandalo (1920), que difire do conxunto por non tratar a temática mariñeira.

Na presentación interviron Rivadulla Corcón, Ramón Nicolás, Manuel Bragado e Xesús Sambade

Con esta presentación, a Fundación López Abente consegue o seu obxectivo de difundir a creación do autor muxián, mais o seu traballo non remata coa publicación da Narrativa mariña, xa que teñen novos proxectos en mente. Deste xeito, Rivadulla Corcón afirmou que se presentará unha unidade didáctica para levarlles aos nenos a figura do escritor muxián, esta edición correría a cargo de Xan Fernández Carrera e previsiblemente estará listo para o inicio do curso escolar. Tamén destacou que se está traballando para crear o centro de interpretación da obra de López Abente “que vai ser un punto de referencia para os muxiáns, para toda a Costa da Morte e para todos os visitantes de Muxía.” Ademais diso, o Padroado pretende celebrar no 2013 o quincuaxésimo aniversario da morte do escritor coa edición da súa obra poética completa.

Alberto Pose

Deixa un comentario!