Menu Xerais

Anxo Angueira: «A nosa literatura vai por diante da nosa historia». Entrevista de Iago Martínez

O suplemento Luces de El País publica unha entrevista de Iago Martínez con Anxo Angueira sobre a súa novela Iria.

 

«A nosa literatura vai por diante da nosa historia»

«Hai afogados que se recordan e outros que non se dan esquecido», sentencia Angueira

Hai afogados que se recordan e outros que non se dan esquecido”, sentencia Anxo Angueira (Manselle, Dodro, 1961) na súa nova novela. Non é doado tampouco chegar ao final de Iria (Xerais, 2012) sen marear. A escrita obriga a vogararriba e abaixo entre os mortos da historia e o traballo e os nomes da Arousa e a navegación tradicional, un mundo, ao compás do galeón protagonista. O poeta e profesor, agora tamén presidente da Fundación Rosalía, retoma o programa de Pensa nao (1999) e cose a contrapelo o relato da resistencia antifranquista. Épica expropiada para cavar nas foxas comúns da memoria colectiva.

Pregunta. Cada topónimo, cada verbo do mar ou cada peza do galeón que menciona funciona como unha condensación de significado. Que invoca?

Resposta. O topónimo ten unha forza extraordinaria, convocada sistemicamente na literatura galega: na literatura medieval, en Sarmiento, en Rosalía, en Pondal, en Novoneyra… Canto á onomástica, só intentaba recuperar ese mundo da nosa náutica tradicional.

P. Escribe de oído?

R. Se iso quere dicir que hai voces que soan detrás da miña escrita, si. Iria é unha novela de ritmo e de música, que sobe e baixa como o mar. Non concibo a literatura sen ritmo.

P. Reforza a materialidade da novela, inzada de corpos e brazos que traballan.

R. É que a literatura é física. Traballa coa madeira da lingua.

P. Os seus personaxes non falan, declaman, e saben de memoria pasaxes d’A fiestra baldeira de Dieste. É teatro ou é unha marca de autonomía da literatura fronte ao real?

R. A literatura ten a súa propia verosimilitude, en efecto. A fiestra baldeira xa advirte de como a sociedade galega se desvincula dese mundo tradicional que lle parece pobre.

P. A fala dos personaxes é a fala dos heroes, do mito.

R. Todos os afogados que aparecen neste libro con nomes e apelidos son reais, pero doulle outro tratamento. A literatura é ese campo de encontro que alude a unha realidade que o discurso historiográfico enterrou, sen abandonar a ficción. O escritor ten que afondar na función poética da linguaxe e non limitarse á verosimilitude radical.

P. Á épica do mar corresponde a resistencia da navegación tradicional. Á épica do traballo, a resistencia dos traballadores. Á épica da escrita, a lectura como resistencia?

R. A resistencia é un tema central na obra. Sei que a aposta é difícil, que tanta terminoloxía náutica pode marear, pero tamén navegar é difícil. E Manuel Antonio é difícil. E Ferrín en Bretaña Esmeraldina é difícil, pero como non vai ser difícil se a novela mete o lector na cadea?

P. Segue a ser útil a literatura para a resistencia?

R. A literatura é un capital simbólico impagable asociado ao principal rasgo da nosa identidade como nación, a lingua. Quen é o noso pai da patria? Rosalía de Castro, unha muller, unha escritora. Cando temos que invocar no mundo quen somos acudimos a Rosalía ou a Castelao, non a Pardo Bazán. España a Cervantes, Portugal a Camões, os ingleses a Shakespeare. Nós a Rosalía. A literatura, dixo Jameson, proporciona unha alegoría nacional. Non é historia, pero acompaña un proxecto político, e vai por diante.

P. E por iso a épica?

R. Agás poucos poetas, como Pondal, tendeuse a desposuír o suxeito político pobo galego do seu rasgo épico, pero é unha dimensión que non lle podemos furtar. Sei que vou a contracorrente, pero é a miña maneira de vivir este mundo, o mundo do mar, o obreiro, o labrego.

P. En realidade, é unha expropiación da épica. O poder ten a súa, e está nos libros de texto e no ordenamento xurídico.

R. Exacto.

P. A resistencia volve ser muller, como en Pensa nao: María.

R. O protagonismo na iniciativa ideolóxica e na acción política, tanto na República como nos sesenta, que son os marcos de Pensa nao e Iria, é da muller.

P. Que foi antes: contar a Arousa ou complexizar o relato da resistencia antifranquista?

R. Quería desenterrar dous fitos aos que non se lle dá moita importancia, nin sequera na historia do nacionalismo: a campaña Libertade pra Galicia do Nadal de 1967 e a pancarta do 25 de xullo do ano seguinte, Galiza Ceibe e Socialista. Logo intentei asocialo a outras cousas históricas que non encaixan na data, como a construción dun canal de regadío que obedece a unha mentalidade colonial, que descoñece a realidade que goberna —como o AVE—, porque pretende regar terreos anegados todo o ano, e o mundo da navegación tradicional. Todo é cavar nas foxas comúns da historia da literatura e da historia da historia.

P. Cales cómpre abrir primeiro?

R. Todas. Sen abrir unhas non se poden abrir as outras. Non podemos devolverlle a vida aos afogados, pero podemos recuperar os seus soños, e iso é para min a literatura.

P. Vaia momento para facerse cargo da Fundación Rosalía de Castro, por certo.

R. Moi delicado, si. Nunca pensei que chegaría a presidila, pero foi unha emerxencia.

P. Por que?

R. A situación era e é insostible, e o lumiño que hai nesa casa, por humilde e pobre que sexa, hai que conservalo.

P. A Xunta parece máis preocupada pola Fundación Cela.

R. Son fundacións distintas. Os fondos de Cela son valiosísimos, só conservalos supón un custo enorme. Nós non temos nada: unha casa, unha horta e o nome de Rosalía, que vale máis que calquera outra fundación.

Iago Martínez

Deixa un comentario!