Menu Xerais

Artigo de Xosé Lois García sobre «Castelao na Unión Soviética en 1938«, de Xesús Alonso Montero

Xosé Lois García publica en Galicia Hoxe un artigo sobre Castelao na Unión Soviética en 1938, de Xesús Alonso Montero.

 

Castelao na Unión Soviética en 1938

Encabezo esta columna cun título suxerinte que nos ven do profesor Xesús Alonso Montero, que así titula o seu libro, publicado por Edicións Xerais. Unha investigación moi puntual que faltaba na longa bibliografía de Castelao. Todos sabemos daquela curta instancia de Castelao na Unión Soviética que efectuou cun grupo de políticos representando a II República. Castelao partiu para URSS desde Barcelona, onde se encontraba vivindo. Ao seu regreso non tivo demasiada repercusión aquela viaxe a non ser nalgunhas reseñas de circunstancia en “La Vanguardia” e nalgunhas publicacións inscritas á fronte republicana. Pasaron case oitenta anos sen que os investigadores sobre a vida e a obra de Castelao non persistiran nas circunstancias que rodearon ao político galeguista e que non tivese a repercusión, ou materia de investigación, para a maioría dos que se converteron en divulgadores clásicos de Castelao.

Non sorprende a categoría de investigador –norma pola que nos ten acostumado- de Xesús Alonso Montero, pero si do resúltado fascinante desta entrega tan minuciosa e que ven a cubrir un dos baleiros que nos faltaba na vida de Castelao. Ese seguimento tan concentrado en tódolos movementos que o guieiro galego fixo en puntuais xeografías da Unión Soviética. O que Castelao opinou do réxime de Stalin, desbota certas opinións interesadas por galeguistas anticomunistas da época. Había unha versión no entorno piñeirista que negaba que Castelao tivese boa opinión da URSS e do sistema comunista. Certas opinións foron infundadas e postas na boca de Castelao como dilapidador do sistema comunista en todo o mundo. Evidentemente, esa opinión interesada non tivo demasiado eco para posicionar a Castelao como contrario á ideoloxía marxista.

“Castelao na Unión Soviética en 1938”, é un libro que pode modificar certos conceptos que se tiñan de Castelao, como un avanzado do galeguismo e con certas emerxencias cara a esquerda do seu partido e abandeirado republicano. Nas opinións que el deu sobre a URSS, hai algo mais interesante que a sorpresa da viaxe. Tamén os rexistros do que dixeriu e contrastou sobre moi determinados procedementos dun estado socialmente suxeridor do que había que aprender certas leccións do que na Rusia socialista estábase desenvolvendo.

Cando Castelao redacta o seu “Sempre en Galiza”, recoñece a postura stalinista sobre o famoso atributo das nacionalidades e seu papel de autodeterminación, que foi un dos capítulos mais universais espallados por todo o mundo e utilizado polos líderes e pensadores contra o colonialismo. As chamadas teses de Stalin sobre esta materia, foron un punto novidoso e esclarecedor para Castelao que non dubidou en resaltalas como elemento esencial na definición dunha nación asoballada.

Xesús Alonso Montero ven a restituírnos o esencial mais profundo daquela viaxe e da repercusión que tivo nos ámbito dos exiliados do Partido Galeguista. As opinións emitidas polo seu compañeiro parlamentario, Ramón Suárez Picallo –transcritas neste libro- sinalando a Castelao como un enorme propagandista do réxime comunista de Rusia. O que vemos, na opinión de Castelao, é ese temario xurdido do contexto revolucionario ruso, senón tamén o que se engade no tema emancipador da clase proletaria e das nacións oprimidas por sistemas colonialistas. Este respiro de Castelao procede da ideoloxía marxista, tal como se verifica en certas cuestións e proclamas que el emitiu e que están moi presentes no “Sempre en Galiza”.

Ninguén pode negar que Xesús Alonso Montero, alén de filólogo, é un enorme investigador, buscador e indagador de temas que fan cambiar o roteiro e os esquemas en que se cuadriculaba a ideoloxía de Castelao. Grazas ao profesor Alonso Montero, o aporte científico e suxerinte, manifestado neste seu libro, ven a modificar certas opinión perversas que os practicantes daquela dereita do Partido Galeguista emitiron sobre Castelao. Este libro modifica cuestións historiográficas do pensamento e da obra de Castelao.

Xosé Lois García

Deixa un comentario!