Menu Xerais

“As rapazas de Xan”, novela recomendada en blog lucenses

As rapazas de Xan, a novela de Manuel Iglesias Turnes, continúa sendo recomendada entre os lectores. Atopamos dúas recomendacións en senllos blogs lucenses que merecen ser divulgadas:

Os que nos coñecen poden pensar que estamos a falar da Carmen e a Helena, as rapazas do noso Xan. Pois non, neste caso o que lles propoñemos é que lean a novela As rapazas de Xan de Manuel Iglesias Turnes (Edicións Xerais). Por que? Pois porque é unha obra que se le moi ben. Trata das relacións dos mozos e as mozas nunha aldea galega no tempo en que foron mozos nosos pais, alá polos anos de 1950. E está todo moi ben imitado: as romarías, os traballos do campo, a fame e a miseria, a vidas dos caseiros, o poder que tiña o señor cura. Pero sobre todo como eran as relacións entre os mozos e as mozas, o falarse, como se vían os fillos de solteira. E tamén, claro, como toda a vida do lugar se repasaba ben no lavadoiro. Se teñen tempo agora no verán para esquecer un pouco a prima esa de risco que anda tola, lean este libro do trinque. O tío Benigno dicía: después de comer ni una letra leer. Pero iso era antes.
Publicado no blog Os parentes da Sociedade Cooperativa Galega de Carballedo.
Para os exseminaristas que naceron na aldea, aquí teñen unha excelente lectura para este agosto de vacacións (tamén para os xubilados sen vacacións). Recréase a vida nas aldeas galegas no tempo que eran mozos nosos pais e nais, alá polos anos de 1950. Como era iso de falarse os mozos e mozas, como estaban vistas as relacións sexuais, o problema dos fillos de solteira, o poder do cura da parroquia. E tamén a emigración, a fame e as necesidades, os traballos do campo. Todo tal e como era daquela. Sen retrónicas formais, todo ben escrito e claro, realista e en ton melodramático. Para ler todo seguido, señores (e señoras).
Grazas aos autores de ambas as dúas referencias.

Deixa un comentario!