Menu Xerais

As revelacións do afiador de Brais Pinto. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre as memorias de Xosé Fernández Ferreiro

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre o libro de memorias de Xosé Fernández Ferreiro, titulado  De Xente Nova a Brais Pinto, e subtitulado Memorias dun afiador rebelde.

 

De Xente Nova a Brais Pinto

Xosé Fernández Ferreiro

Xerais, Vigo 2012, 172 páxs.

Un grupo fundamental

O Grupo Brais Pinto, cuxa traxectoria nos presenta neste libro de memorias un dos seus integrantes, Xosé Fernández Ferreiro, tivo unha grande importancia non só na evolución da literatura galega posterior a 1950, senón mesmo na historia de Galicia, pois nel está o xerme dunha organización como a UPG (Unión do Pobo Galego).

Fernández Ferreiro comeza as súas memorias pola lembranza da constitución do grupo Xente Nova, en Ourense, que el considera un antecedente do grupo Brais Pinto. Pasa revista a algúns fitos do galeguismo destes anos, remate dos corenta e comezos dos cincuenta, como a celebración do centenario de Curros Enríquez en Celanova (15 de setembro de 1951) ou a mítica ocasión en que Otero Pedrayo, diante do gobernador civil de Ourense, Muñoz Calero, emprega en 1949 o galego nun acto público, no centenario do nacemento de Lamas Carvajal. Nestes anos ourensáns de remates dos corenta e comezos dos cincuenta Fernández Ferreiro amósanos como, malia todos os condicionamentos en contra, Cuevillas, Otero Pedrayo e mesmo Risco seguen a exercer o seu maxisterio galeguista.

Pasa revista así mesmo ao labor xornalístico de Borobó no remate dos corenta e comezos dos cincuenta e infórmanos sobre os comezos da chamada Xeración de La Noche ou das Festas Minervais. O traballo de xornalista de Fernández Ferreiro permitiulle así mesmo ser testemuña de excepción de acontecementos como o concerto de Raimón en Santiago en 1967, os acontecementos de Castrelo de Miño no 66 ou do primeiro concerto de Voces Ceibes en abril de 1968. Describe polo miúdo a célebre Campaña do peso para dotar un premio de teatro en galego. Así van pasando perante os nosos ollos actos e movementos que foron fundamentais no devir da lingua, literatura e mesmo da vida político-social e cultural galega da década dos cincuenta e mais do sesenta.

Como é lóxico, dedícalle especial atención á constitución en Madrid do grupo Brais Pinto. Subliña que non é so un grupo de estudantes ou universitarios, senón que nel hai traballadores e preséntanos os constituíntes do devandito grupo: Bautista Álvarez, Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Alexandre Cribeiro, Herminio Barreiro, Ramón Lorenzo, Raimundo Patiño e mais o propio Fernández Ferreiro. Constituído o grupo en Madrid, describe os seus lugares de encontro e as actividades que desenvolven, entre as que destaca a fundación da editorial Brais Pinto, que inicia a súa andaina co libro de poemas de Otero Pedrayo Bocarribeira (1968). O grupo, como ben indica Ferreiro, toma carta de natureza cando no bar Los Mariscos, de Madrid, deciden crear unha editorial. Entre os actos en que se dan a ver, naquel mesmo ano de 1958, salienta a celebración do aniversario no Centro Galego de Madrid da voda Rosalía-Murguía. Por certo, nestes actos rebentan a conferencia de Fraga, cando o fundador do PP afirma que a Galicia de 1958 xa non é a de Rosalía, pois seica Franco acabara coa emigración…

O libro sitúa correctamente o grupo Brais Pinto e na liña do libro de Conversas con Méndez Ferrín (de Xosé Manuel del Caño, Xerais, 2005) fai ver como, ao contrario do culturalismo e antimarxismo de Galaxia, o grupo Brais Pinto procura, especialmente no máis destacado dos seus membros (Méndez Ferrín), asumir o ideario do movementos de liberación antiimperialistas como o de Alxeria e tenta unha renovación vangardista na arte e na literatura, sen por iso excluír o compromiso social e cívico. A concepción da literatura de Brais Pinto, ao asumir a novela moderna de Kakfa, Faulkner, o nouveau roman, o absurdo, a nova literatura beatnik ou mesmo a arte non figurativa e moi distinta do tipo de literatura que propoñía Piñeiro (o realismo rural de Fole ou a fantasía cunqueireana). Foi célebre a polémica sobre arte que tivo con Cunqueiro Patiño, en que este defendía a Tapies e a arte non figurativa. Fernández Ferreiro faille así mesmo xustiza a unha figura que tivo unha grande importancia na posguerra para introducir as xeracións mozas no galeguismo e que habitualmente se esquece: Ben-Cho-Shey.

Tamén analiza Ferreiro o contacto que establece o exilio, especialmente Luís Soto con Brais Pinto. Non hai que esquecer, como ben sinala Fernández Ferreiro, que na fundación da UPG en 1963 estiveron tres dos membros de Brais Pinto: Méndez Ferrín, Bautista Álvarez e mais Raimundo Patiño.

Son tamén moi interesantes os datos que nos achega Fernández Ferreiro para a socioloxía da literatura galega. Así a tiraxe da colección poética de Brais Pinto era de cincocentos exemplares, non se vendía en librarías e só se comercializaba a través de subscritores, que andaban arredor dos setenta e cinco. Como o conto non daba para a conta, parece ser que a edición a pagaba do seu peto César Arias. Explica así mesmo a invención do afiador Brais Pinto, que dá nome ao grupo (nisto cómpre comparar o que di Ferreiro co que afirma Ferrín no devandito libro de Conversas). Cómpre ler así mesmo as liñas que dedica ao censor, delegado de Turismo e catedrático de Literatura de Ensino Medio Serrano Castillo, verdadeiro home de Juan Aparicio en Galicia.

En fin, que hai que ler este libro para coñecer por alguén que é protagonista da historia que foi e que supuxo o grupo Brais Pinto.

(…)

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!