Menu Xerais

As suxerencias dun narrador solvente. Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Historias de Oregón», de Diego Ameixeiras

Francisco Martínez Bouzas publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica de  Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas.

 

Friso expresionista

Oregón, Ourense

Narrador solvente, Diego Ameixeiras afronta con éxito unha incursión no xénero folletinesco que ten que ver case que sempre coa novela negra. Porén, malia que haxa “mores matadas”, Historias de Oregón non descansa no eixo temático que acostuma definir o xénero. O presado de secuencias seriais ten outro propósito: retratar de forma expresionista a paisaxe humana dese Oregón, trasunto literario da cidade de Ourense na narrativa de Ameixeiras.

Nútrese o relato do cruzamento de historias,historias case que todas de intemperies vitais nas que habitan os personaxes deste mosaico que o autor debuxa con trazo realista. Nos lindes de Oregón, ese lugar sombrío e precario, no que se dan cita as clases privilexiadas e o inframundo, viven ou sobreviven seres cuxas vidas, ganduxadas en tramas que se entretecen, representan o fluxo e refluxo dunha cidade preñada dunha ferinte carga de violencia. Saliento no haber da novela a competencia autorial para espellar con ficcións vidas reais e facelo de xeito fragmentario, dándolle múltiples oportunidades á omisión, aos espazos baleiros para que o lector poida construír a súa historia. No debe da proposta de Ameixeiras, certas secuencias de recheo que, ao meu ver, están aí para axustarse ás esixencias formais dunha novela por entregas.

Francisco Martínez Bouzas

Deixa un comentario!