Menu Xerais

Begoña Paz: «Hai literatura que non ule». Entrevista de Paco Gallego

 Galicia Confidencial publica unha entrevista de Paco Gallego con Begoña Paz.

 

Begoña Paz: «Hai literatura que non ule»

Narradora, poeta e co-guionista do primeiro filme porno rodado en galego, “O divino ferrete”, conversar con Begoña Paz significa percorrer os camiños da creación, inspiración, lingua, cómic, sexo erotismo.

Dentro dunha desorde planificada, o salón da casa de Begoña Paz aparece presidido por unha edición do Sin City de Frank Miller, ou un poema adicado por Xavier Seoane, ou os restos dun refresco de cola, ou un PC desconectado sobre o que repousa brillante unha edición en lingua inglesa do Watchmen de Alan Moore, Dave Gibbons e John Higgins. A Pernascochas, especie de fada do imaxinario popular galego que habita colgada dos tetos dunha vaca, observa. A través dos cristais polos que a luz da mañá atravesa os miolos dos fotofóbicos, observa. A través da mirada curiosa de Begoña, observa. Fóra, nunha rúa da Europa meridional, unha pintada apunta ao clamor dos nosos tempos: who whatches the watchmen?

Begoña Paz. Coruñesa do 65. Mala e serodia estudante, comezou psicoloxía, aínda que aborreceu cedo dela. Escolleu filoloxía inglesa pola literatura, unha paixón dende pequena. “Non me gusta a figura do escritor/a que estuda filoloxía. Coido que te vicia, se ben a inglesa é diferente.  Non está tan establecida no noso, e ademais eu son de literatura inglesa”. 

GC Tendencias: Século dezanove ou vinte?

Begoña Paz: Vinte, vinte…

GC Tendencias: Antes ou despois da Segunda Guerra Mundial?

Begoña Paz: Despois, despois…Pero nada de Faulkner ou Tenessee Williams. Arthur Miller está ben, pero non son moi de obras de teatro. O Henry Miller mellor. Lin os Trópicos con catorce anos. Miña nai compraba todo canto libro vendían polas portas. Había unha colección enteiriña de literatura erótica. Anaïs Nin, por exemplo. Devoreinos todos. Autores en xeral? Carver, Salinger, McEwan, Atwood, Askildsen. Por nomear algúns.

O comezo

GC Tendencias: Cando comezaches logo a escribir?

B. Paz: Xa escribía de pequena. O primeiro foron os relatos. O da poesía chegou moi tarde. Saíume e punto. O relato curto precisa intensidade e un bo relato é tan difícil, realmente, como a boa poesía. Debe ter brevidade, intensidade e un bo final. O primeiro relato que publiquei foi en Narradoras, de Xerais, unha antoloxía de mulleres escritoras. É moi desigual. Buscábanse narradoras por baixo das pedras, pero escribir non é o mesmo que narrar…

GC Tendencias: Como nunha selección de videoclips dos oitenta, non? Comezan por The Cure, logo Europe, logo The Smiths, logo os Housemartins. Pero entón, de súpeto e sen advertencia previa, o Rick Astley e a Cyndi Lauper. Mortal…

B. Paz: Algo así. Polo menos esa antoloxía serviu para darlle voz a xente que, coma min, nunca publicara. Isto deu pé a que me publicasen A Ferida. Despois veu unha novela infantil que quixen escribir para meus fillos: Norocai, de Baía. A Ferida é un libro de relatos moi duros, polo menos para o que se estila en galego. Fala de sexo con certa dureza e hai outros relatos certamente desagradables. Logo comecei con algún poema, en tanto gañaba o premio de Ribeira de novela curta. Falamos de 2005. O dos poemas saíu do meu blogue anónimo Pernascochas. A xente gostaba deles e pedíanmos para publicar. Curiosamente, a pesar de que estaban escritos en galeg

o, en Galicia non mos pedían. Fóra si.

A poesía, o sexo e a industria da pornografía

GC Tendencias: A mala vida…Boa ou mala poesía?

B. Paz: Houbo críticas boas de Armando Requeixo, da revista Que Leer e do Faro de Vigo. Debe estar moi ben, pero primeiro son narradora e logo poeta. Os libros de poesía que máis me gustaron nos últimos tempos foron Pan comido, de Isabel Bono, e As nosas sombras nos Xardíns de Serralves, de Xoán Abeleira. Libros de amigos, pero ambos os dous libros marabillosos.

GC Tendencias: E despois unha das guionistas do primeiro filme pornográfico realizado integramente en galego, O divino ferrete (pobre Curros)…

B. Paz: O proxecto está en galego pero non simbolicamente. Tanto detrás como diante da cámara o único idioma que se empregou foi o galego. Esa era a condición sine qua non. Por unha cuestión de mercado, non podía haber unha escena homosexual masculina. Insisto que é un tema de mercado. En cambio, as escenas lésbicas seica excitan os homes. Eu pedín que a escena que me tocase guionizar fose unha escena lésbica. As razóns? Basicamente que para min era un reto. Que excitaba dunha muller a outra? Quixen exploralo. Nesa escena en concreto, a noiva prometida vai probar o seu vestido de voda xunto a unha amiga que acaba de chegar de América, a que protagoniza a primeira escena sexual da película, recén desembarcada no aeroporto. Así que no probador…pois iso. Eu sempre lle tiven tirria ao temiña do vestido. O mito da pureza e demais.

GC Tendencias: Hai un movemento, encabezado por mulleres da industria pornográfica, que demanda un porno máis acaído para a muller…pensado para o goce en parella. Non sei se a xente sabe iso. Penso agora na directora Erika Lust, que fai ese cine pensado para as mulleres onde elas non son “obxecto” senon protagonistas do seu pracer.

B. Paz:  Cando estábamos escribindo o guión vimos algo desta muller, creo que foi Iolanda Zúñiga quen nos falou dela. Unha sorte de porno light. Os homes necesitan algo máis duro, creo. Dela vimos algo do tipo “repartidor de pizzas en casa de muller con gana”. Era todo como máis…bonito. Non sei, creo que é máis un mito iso de que as mulleres necesitamos máis suavidade nesas cousas. É unha cuestión más do día que teñas.  En todo caso, dende o momento en que o porno sae do cine -un lugar a onde as mulleres non ían por non seren estigmatizadas- e entra nas casas, pasa a ser compartido. En parella. Daí o cambio.

A literatura galega…estado da cuestión

 GC Tendencias: Houbo condicionantes históricos que amputaron as posibilidades expresivas da nosa literatura, xunto coa lingua. Pensas que hoxe en día establécese, pola contra, unha especie de autocensura pola cal que semella que hai cousas que non interesa moito publicar en galego? Exemplo: a escatoloxía.

B. Paz: O que escribes di moito sobre ti, sobre as túas obsesións. Ou cando menos debería ser así. Ás veces, por exemplo, non interesa visualizarte na escatoloxía. Pode ser que aí haxa un freo.

GC Tendencias: Pero Xerais sacara hai anos, en 1990, os libros Eles e Elas sobre relatos de erotismo e sexo escritos por autores e autoras recoñecidos. Por que non se seguiu ese camiño?

B. Paz: Quizais o erro comeza por facer isto en forma de antoloxía. Por que non se deixa que as cousas saian naturalmente? Eu meto sexo en toda a miña narrativa, e xa está. Entra de forma natural. As palabras que emprego igual non son as máis escatolóxicas, pero non sempre hai por que empregar caca ou polla, non? Eu uso moito a palabra pene. Quizais non haxa máis polla pola mitificación do feito literario. En todo caso, a palabra é o de menos. Que se vexa é o importante.

GC Tendencias: Que botas en falta na literatura galega?

B. Paz: Pois máis sangue, suor e seme. Que se ula. A literatura galega, agás excepcións, é moi aséptica. Non ule, mesmo contando cousas dramáticas. Non ule a nada.

( … )

Ler a entrevista completa.

Deixa un comentario!