Menu Xerais

Cando Castelao coñeceu a Stalin e expuxo no Museo da Revolución

 

Marcos Pérez Pena publicou en Praza Pública unha reportaxe sobre Castelao na Unión Soviética en 1938 de Xesús Alonso Montero.

 

Castelao. Sempre en Moscova?

Xesús Alonso Montero presenta en Vigo Castelao na Unión Soviética en 1938 (Xerais), no que relata a viaxe do político galego á capital da URSS cunha delegación republicana, no contexto da Guerra Civil. No primeiro de maio, todos os anos, España enviaba unha representación política a Moscova, e nese 1938 a viaxe era se cadra máis importante, pola necesidade que tiña a República de seguir contando coa venda de armas e a participación de técnicos soviéticos para unha guerra que aínda non se perdera. Castelao coñeceu así (cando menos deulle a man) a Stalin, do que adoptaría tamén a súa definición de nación, que reproduce despois no Sempre en Galiza.

Castelao ademais quería coñecer cal era a situación das distintas nacionalidades e linguas que existían na URSS. O de Rianxo estivo por este motivo en Leningrado, Kiev e Bakú, ademais de na capital da URSS, alongando a viaxe. Primeiro expuxo no Museo da Revolución os orixinais de Galiza Mártir e de Atila en Galiza; polas exposicións pasaron milleiros de cidadáns das repúblicas soviéticas, que puideron facer unha idea do que estaba pasando en Galicia grazas a uns debuxos que os galegos tardaron moitos máis anos en poder ver.

Castelao gañou fama de debuxante revolucionario con esa mostra, que foi moi gabada (chegou a escribir que “podo augurar que na URSS son o dibuxante revolucionario máis admirado”). Despois de Moscova foi a Acerbaixán, que era un mosaico de linguas e nacionalidades, unha viaxe que lle conta por carta a Rodolfo Prada e sobre a que se escribe na revista Nueva Galicia, do PCE, nunha entrevista que lle fai Luís Soto.

Castelao escribía habitualmente nesta revista comunista, e de feito o primeiro libro de Sempre en Galiza está conformado polos artigos que publica en Nueva Galicia entre 1937 e 1938, a segunda parte da serie Verbas de chumbo que iniciara anos antes n’A Nosa TerraÉ nestes artigos, nos que en certa maneira lles predica o nacionalismo galego aos simpatizantes comunistas, en principio afastados nese momento das ideas galeguistas, pero nos que tamén deixa ver a súa cada vez maior aproximación a un certo marxismo.

Son eses artigos, a súa estreita relación con Soto, Líster ou Santiego Álvarez e as experiencias e reflexións que xerou en Castelao a súa viaxe á URSS, as que xustifican o subtítulo do libro, Filocomunismo e prosovietismo de Castelao nos anos da Guerra Civil. Castelao escribe, por exemplo que “a URSS está preparándose para inaugurar o feito hestórico que abra unha nova época par-a humanidade” e di que preferiría vivir na Unión Soviética ca en Londres ou París.

Por exemplo, na carta que lle escribe a Rodolfo Prada no seu regreso da URSS, o 27 de maio de 1938, dille que “visitamos as grandes fábricas, coas novas cibdades anexas; convivimos cos obreiros nos clubs; visitamos os pazos da cultura e de formación profesional dos pioneiros; convivimos cos Koljosianos e comprobamos a súa relativa felicidade” e engade que ”en ningún outro país do mundo se oferece mellor porvir aos traballadores” pois “así como as creacións industriales aproveitaron as normas do progreso norteamericán así tamén se aproveitan os estímulos do liberalismo económico, adaptándoos ao sistema socialista. Un stajanovista pode ganar cinco veces máis que un obreiro ordiario”.

Sobre os dereitos nacionais, comenta que “visitamos dúas Repúblicas (Ucrania e o Aserbaidhán) e comprobamos que o problema das nacionalidades ficou resolto, previamente e definitivamente por meio da liberdade e da democracia (craro está que compre dar unha nova definición a estes dous conceptos)”. A estes respecto, escribe igualmente que “eu non concibo como os hespañoles que visitan a URSS poden seguir despreciando o problema das nacionalidades e ainda intentan relegalo a segundo termo, como se non tivese importancia ou como se a súa solución permitira aplazamentos sen perxuicio das concepcións económicas e sociaes”.

Na presentación, que tivo lugar na Casa do Libro, Alonso Montero estivo acompañado por Rubén Pérez (secretario de organización do PCG), Alfonso Paz-Andrade (vicepresidente da Fundación Castelao) e Manuel Bragado, director de Xerais.

Marcos Pérez Pena

Deixa un comentario!