Menu Xerais

Carlos Cordeiro: «Galicia foi o primeiro lugar onde se xogou ao fútbol en España. «Todo sobre o fútbol galego». Entrevista en Radiofusión

Radiofusión emitiu unha entrevista a Carlos Freire Cordeiro, autor de Todo sobre o fútbol galego.

 

Carlos Freire recompón o mosaico da historia do fútbol galego

A obra mestura enciclopedia e relato arredor do deporte rei

O partido foi o sábado á noite, mais é esta mañá de luns, cando a xente volve coincidir na súa rutina cotiá que ecoa con máis forza o acontecido no gran partirdo do fútbol galego entre Celta e Deportivo, o máis recente capítulo dunha historia, a do balompé xogado en Galicia, que abrangue figuras e tempos máis modestos que os da suposta Liga das Estrelas na que hogano amosan o seu talento Juan Domínguez ou Iago Aspas. Todos, ou polo menos a maior parte dos máis significativos acontecementos acontecidos arredor do xogo máis popular do mundo no noso país caben nas máis de 200 páxinas dunha crónica entre o xornalismo e o enciclopedismo que publica edicións Xerais baixo o título “Todo sobre o fútbol galego”. O seu autor, Carlos Freire Cordeiro, explicou en Radiofusión que a memoria do fútbol “é como unha mitoloxía, cos seus heroes, as súas batallas, as súas viaxes, e cada historia requiría un tratamento diferente”.

Cultura • 29/10/2012 • Autor: Redacción

A relación de Galicia co deporte rei vén de vello. “Somos pioneiros. O primeiro lugar de España no que se xogou ao fútbol foi Galicia”, salienta Carlos Freire. O responsable dese fito foi Abalo Abad, “fillo dunha boa familia de Vilagarcía que foi estudar a Inglaterra” e que trouxo o xogo da pelota no ano 1900. Para maior casualidade, o primeiro futbolista galego é, por orde alfabética, a primeira entrada dunha obra que conxuga a enumeración de protagonistas co relato sobre as súas fazañas. E os axentes do fútbol non son só os deportistas, senón tamén os adestradores, a afección ou mesmo os recintos. Como exemplo, o autor le a entrada da letra M: “A Malata, Maakay, Makelele, Manjarín, Manolete, Manolo…”.

En “Todo sobre o fútbol galego” hai “historias para rir ou para chorar”, explica o seu autor. No capítulo dedicado á relación do fútbol coa sociedade fálase dos xogadores que foron paseados trala Guerra Civil. Mais tamén hai anécdotas con humor, como a do deportivista Cachán, a quen chamaron para xogar na Coruña estando el en Andalucía. O futbolista chegou á convocatoria con dúas semanas de atraso e fíxoo gratis como mariñeiro enrolado nun barco. O home preferira aforrar os cartos que o club lle enviara para pagar o tren.

Hoxe os xogadores gozan doutra posición económica, e hai galegos que aínda teñen a súa historia por escribir mais que xa asoman nun libro que, segundo Carlos Freire “é unha visión panorámica, mais tamén detallista, que vai ao partido en concreto”, e na que todas as pezas individuais “encaixan como nun mosaico”.

 

 

Deixa un comentario!