Menu Xerais

Carlos Reigosa: En «Tras da corda» está reflectida unha identidade do rural galego. Conta de onde vimos. Entrevista de Camilo Franco

La Voz de Galicia publica unha entrevista de Camilo Franco con Carlos G. Reigosa sobre Tras da Corda.

 

«O libro conta a Galicia de onde vimos»

Pasaron trinta anos e os dous libros (Homes de tras da Corda e As pucharcas da lembranza) de relatos que escribiu Carlos G. Reigosa con paisaxe en Tras da Corda volven convertido nun, acentuando ese carácter de espazo literario pero tamén antropolóxico en Tras da Corda (Xerais).

—Trinta anos despois, ¿que cambiou?

—En primeiro lugar cambiou a normativa e os libros precisaban a actualización porque nalgúns casos se me queixou xente de que non respondía á normativa actual. Tamén cambiou o mundo e ese territorio particular que eu conto no libro xa non existe. Desapareceu coa chegada do progreso. Para min, ademais, volver a eses contos provócame unha evocación constante dos anos oitenta e das circunstancias que rodearon á saída dos libros.

—En trinta anos un escritor e un lector cambian moito. ¿Cal é a lectura que fai agora dos dous libros reunidos?

—Fóra dos cambios ortográficos, os dous están como estaban. Eu disfrutei volvendo aos libros. Pero tamén sufrín. Sufrín porque cando escribín quizais non fun tan consciente como agora dalgunhas das crueldades deses relatos, dos seus personaxes. Eu sabía que a sociedade daquela era machista, pero quizais entón non fun tan consciente do machista que era. Quizais agora son máis sensible como lector, pero creo que é máis que a sociedade cambiou moito e había máis dureza. Pero entón estaba asumida. Algúns dos relatos doéronme agora como non doeron daquela.

—¿Que atopou nos seus contos na nova lectura?

—O que atopei foi algo que xa estaba pero do que agora son moito máis consciente e que, se o podo dicir eu, mantén o valor que poida ter o libro. O libro conta de onde vimos. Porque Galicia chega do rural e, mesmo ata non hai tanto tempo, as cidades galegas asumían a súa orixe rural e con ela os comportamentos e as actitudes propias. Agora iso desapareceu e houbo cambio. Eu entendo que nesas historias de Tras da Corda queda reflectida unha identidade que se correspondía co rural galego. Agora habería que preguntarse cal é a identidade da Galicia de agora.

—¿Tivo tentacións de cambiar o xeito de contar?

—Podía ter feito cambios, pero preferín que os relatos quedasen tal cal. Hai trinta anos era novidoso nas letras galegas unha escrita descarnada, concisa, directa. Máis periodística se o queres dicir así. Preferín que seguise así porque creo que é a que casa mellor coas cousas que conto. Tamén porque esas historias proceden da imaxinación dun espazo máis que da miña imaxinación. Logo tamén porque sempre quixen situarme o máis lonxe posible do ruralismo.

Camilo Franco

Deixa un comentario!