Menu Xerais

“Castelao na Unión Soviética”, artigo de Xosé Neira Vilas

Xosé Neira Vilas publicou na súa sección “Arco Iris” de El Correo Gallego un artigo sobre o libro de Xesús Alonso Montero Castelao na Unión Soviética en 1938. Reproducimos un texto moi interesante:

CASTELAO NA UNIÓN SOVIÉTICA

Así se titula un libro recente de Xesús Alonso Montero (Ed. Xerais, 2012). A histórica viaxe de Daniel ó país de Lenin. Alí estaba, no gran desfile do Primeiro de Maio, na Praza Roxa de Moscova, con outros galegos e españois. O autor recolle impresións do viaxeiro ó longo de varias referencias, moi precisas, moi ilustrativas sobre as cousas e as xentes que foi vendo. Por exemplo, o acto xiantesco do Día do Traballo, a visita a Leningrado, as industrias, os hospicios, o Palacio dos Pioneros, a atención sanitaria, as casas de descanso de Crimea, o metro capitalino, as artes…, todo o vai observando e anotando. Conclúe dicindo que el non é comunista pero que ten a convicción de que alí se está enxendrando unha nova vida.

Este libro era necesario. Sabemos da misión que lle encargou a Daniel o goberno de Negrín. Sabemos que despois da URSS foi ós Estados Unidos, e que dende alí desplazouse a Cuba por tres meses. Sobre a súa visita a USA organizou un libro Xosé Ramón Fandiño, a base de escritos de Emilio González López (Edición do Castro), e na mesma editorial publiquei eu o meu Castelao en Cuba. Sempre notei en falta un estudo da presenza del na Unión Soviética.

Moi oportuno o libro de Alonso. Contén moito máis que as impresións que mencionei. Aporta documentos, informacións sobre Navarro Tomás e outros viaxeiros; o anticapitalismo e a cuestión nacional; a ideoloxía filocomunista de Castelao nos seus textos, e sobre el. E moito máis. Un libro de gran utilidade para os estudosos da traxectoria do gran artista e político rianxeiro e universal.

Deixa un comentario!