Menu Xerais

De Cataluña ao Barbanza: «Poñente», de Pere Tobaruela

A edición do Barbanza de La Voz de Galicia publicou unha información de Moncho Ares sobre a presentación de Poñente, de Pere Tobaruela, en Rianxo.

Torabuela explota o nexo histórico entre Cataluña e Barbanza

A Asociación Cultural Barbantia adoita empezar o ano con forza. Normalmente fai coincidir a súa asemblea xeral cun encontro potente, e o de antonte non foi unha excepción. Para o habitual acto do último venres de mes, trouxo a Rianxo ao creador Pere Torabuela, de orixe catalán pero moi ligado a Galicia e a Barbanza, tanto que asombrou a todos os asistentes por falar nun perfecto galego no que, de vez en cando, ata se permitía deslizar algunha gheada propia das terras barbancesas.

Logo dun interesante debate en torno ao libro Poñente, no que o creador explota con estilo e interese a chegada dos cataláns a Galicia, segundo se puido deducir da conversa que mantivo con Carlos Mosteiro e Suso Laíño, presidente de Barbantia, subliñando este último a mestría coa que Torabuela reflicte no libro a vila da Pobra.

Moitos vínculos

A novela ten moito de barbancesa, porque o seu autor ideou a trama nunha visita que fixo a un cemiterio do Caramiñal no que, o ver tanto apelido catalán, pensou estar máis nun camposanto de Cataluña que de Galicia. Logo indagou sobre o asentamento dos precursores das conservas de peixe e escribiu Poñente na súa lingua natal.

 Por se fose pouca a relación da obra con Barbanza, a tradución foi feita por Ana Isabel Boullón Agrelo, da Pobra do Caramiñal, recente nomeada académica da RAG, que tamén compareceu no acto para explicar como fixo para trasladar á lingua galega o texto de Torabuela. Este destacou o alto nivel da tradución, xa que consegue darlle a todas as pasaxes o toque diferencial do galego.

Torabuela, que xa ten escritos 40 libros en catalán e uns 15 en galego, explicou que cando veu para Galicia esforzouse en aprender ben o idioma, e o seu dominio é tal que, como apuntou Suso Laíño, incluso é quen de facer palíndromos na nosa lingua, a pesares da dificultade que ten este recurso literario.

O feito de que Barbantia elixira Rianxo para dar por iniciado o ano cultural do 2012 non foi azaroso, senón porque coincidía coa celebración do mes que o Concello dedica ao recordo de Castelao, que naceu e morreu nun xaneiro. A entidade presentou Poñente, e tamén Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de María do Carme Kruckenberg, este, onte pola mañá.

O alcalde, Adolfo Muíños, expresou a súa ledicia porque o auditorio se enchese de cultura, feito que empezou coa actuación de Antón Alcalde e Iago Hermo, que deixaron á xente coa boca aberta polo seu dominio do piano e do xilófono.

Deixa un comentario!