Menu Xerais

De Portomarín ao encontro co emperador Hiro Hito. Crítica de Xosé Manuel Eyré sobre «O misterioso Dr. Saa»

O crítico Xosé Manuel Eyré publica unha recensión en Galicia Confidencial sobre O misterioso Dr. Saa, libro subtitulado A historia do Conde de Waldemar, ilusionista, prestidixitador e telépata, de Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán.

 

O conde de Waldemar, esa personaxe esquecida

Esta semana analizamos ‘O misterioso Dr. Saa’, un libro de Xosé Díaz e Belén Fernández publicado pola editorial Xerais, que recupera a figura de todo un mito galego da historia da maxia mundial

Unha mostra, moi significativa, do poder que chegou a ter este lugués de Bagude (Portomarín) é aquela de cando, xa casado cunha das mulleres principais das Filipinas, cando a invasión xaponesa durante a Segunda Guerra Mundial, non é o inmenso poder da súa cónxuxe Teodora Salgado quen salva ao Dr. Saa do pelotón de fusilamento, Conde Waldemar, senón unha fotografía do Rei de Magos e Mago de Reis co mesmo emperador nipón Hiro Hito. Pois, naquel 1935 o emperador era aínda considerado divinidade e fora convidado a dar unha sesión no mesmo Palacio Imperial Xaponés, poucas persoas ultrapasaran os seus muros e Manuel Rodríguez Saa, Conde de Waldemar, foi o primeiro mago en visitar estancias que mesmo para os xaponeses eran vedadas, evento do que conservaba unha fotogafía ode estaba el co emperador Hiro Hito e a súa esposa e canda eles o xeneral Toho. Desde entón, desde que amosou esa fotografía, o mago galego pasou a ser considerado intocábel. Non só respectado, senón inclusive temido.
Velaí unha das pasaxes máis coñecidas da vida deste home, deste galego que foi unh das personaxes principais do seu tempo e agora Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán rescatan nesta biografía. Xa Trapero Pardo relatara esta anécdota en El Progreso ( 7-11-1980 ), que Trapero Pardo foi un dos poucos para quen a vida e figura de Manuel Rodríguez Saa non foi un segredo, e é xusto recoñecerlle este mérito, sobre todo na actual conxuntura social, onde o relativo á desmemoria recibe o aplauso do poder mentres sementa paus nas rodas daqueles que pretenden recuperar a memoria histórica. Mais os autores, Xosé Díaz e Belén Guzmán, non só contan a enécdota esta senón que ademais puideron confirmala co historiador filipino Augusto Marcelino Reyes González III.
Velaí unha das pasaxes máis coñecidas da vida do Conde Waldemar, unha personaxe que non deixa de lembrar a figura de Carolina  Otero, a Bela Otero, por ambos se dedicaren ao mundo do espectáculo e polo grande poder que chegaron a ter nas súas mans e tamén polo feito de lograren ser personaxes moi coñecidas partindo desde o rural galego. Dicimos que velaí unha das pasaxes máis coñecidas, porque realmente hai moitas máis, moitas, na vida dun home que actuou para varias casas reais e xefes de estado na primeira metade do século XX.
Unha persoa extraordinariamente hábil nas prestidixitacións, na maxia, no mentalismo, e que como tal foi recoñecido, mais que pasou unha garde parte da súa vida fóra da Galiza, viaxando por eses mundos, sobre todo América e Asia, permitíndose só de cando en vez algunha estadía entre os seus. Desa extraordinaria habilidade gardan testemuña non só as cartas de recoñecemento das casas reais e gabinetes de estado, senón tamén as redaccións de tantos e tantos xornais polo mundo adiante, xa que Mauel Rodríguez Saa adoitaba, sempre, visitar as redaccións da prensa local e obsequiar cunha  mostra das súas destrezas, e deste xeito logarba o favor dos media cunha promoción envexábel. Mais non só, senón que tamén prodigaba demostracións das súas facultades no día a día da xente de a pé , nas festas, no café ou mentres agardaba por un tren.
Eis, pois, que cómpre saudar esta biografía como un dos libros capitais deste 2012, pois recupera para nós parte da nosa historia e unha figura que alumeou entre as máis potentes do firmamento do espectáculo na primeira metade do século XX, até que o cinema eclipsou todo. Agora xa non só Trapero Pardo, o Mago Antón e pouquiños máis saben da importante figura desde mago, xenial a nivel mundial como ilusionista, telèpata ou prestidixitador. Houdini non perdeu o seu trono, mais entre os escollidos tamén está este lugés de Bagude. E os lucenses saberán que o Colectivo Máxico Waldemar non homenaxea unha personaxe de Edgar Allan Poe, que ben o merecería, senón a figura dun dos principais magos do século XX, lucense coma eles, que desde unha aldea de Portomarín subiu aos mellores escenarios do mundo para ser aclamado e admirado.
Cómpre, agora, que libros como este obren o efecto de facermos do verdadeiro valor de que poidamos contar a nosa historia. E dicimos agora, que non se trata de revisar a historia colectiva que como pobo diferenciado temos, senón a biografía dun mago, revisión dunha historia individual, pois sería tremendo erros pensar en agardar que desde fóra veñna recoñcer méritos alleos.

Deixa un comentario!