Menu Xerais

«Diario secreto de Adrian Mole»: o engado dos diarios. Reportaxe sobre o libro de Sue Townsend en Disquecool

Disquecool, o medio de tendencias made in Galicia, publicou unha reportaxe de Cris sobre o Diario Secreto de Adrian Mole, de Sue Townsend.

Adrian Mole: toda unha vida

Escrito por

Se hai un formato recorrente nos libros para adolescentes é o de diario. Hai novelas e novelas ficcionalizadas a través de diarios persoais nos que aprendemos que a vida dos mozos é moi dura, que a mellor amiga da prota sempre trata de roubar o noivo, que un gran terrible aparece no medio do nariz o día do baile, ou que soportar aos pais é totalmente imposible. Aos 14 anos gústanche porque quizais te identificas. Pero aos 27 encántanche porque son moi divertidos.

Hainos bos e malos, iso si, pero sen dúbida o peor que pode acontecer é que intenten adoutrinarte. Si, eses diarios nos que che colan os apuntes collidos en clase sobre a sífilis (alguén pasaba os apuntes de clase ao diario, por emocionantes que fosen?), repiten unha e outra vez que o teu corpo é teu (pero insinúanche claramente que mellor esperes a saber que facer con el) e  conclúen que o único final feliz é o fechado por historia de amor. E hai moitos así. Eu ata lin (tres ou catro veces) un escrito por un cura nos anos 60, con iso volo digo todo.

Pero no ‘Diario Secreto de Adrian Mole’ non hai rastro de moralina. O que hai é moita ironía, para facerte rir a gargalladas a través de todo o patético (que é moito) que ten un adolescente medio. Entre pais borrachos, irmáns ilexítimos, e problemas familiares varios, o realmente traumático é que o teu amor non che deixe meterlle man, que ninguén comprenda que ti es un intelectual e que a túa cousa non creza. Mención especial merecen as páxinas nas que Adrian, de 13 anos e tres cuartos decide facerse nihilista! Podes rir ata chorar. Con 15 anos ou con 30, porque como Astérix e Obélix, funciona a diversos niveis.

Así que comprenderedes que cando, hai dous ou tres anos, vin nalgún sitio un libro chamado ‘Adrian Mole: os anos do Cappuccino’, que se proclamaba a volta dun Adrian Mole “un pouco máis calvo pero tan ácido coma sempre”, non puidese evitar mercalo.  Alí se nos presenta ao neno con xa 30 anos (pero por como o describe semella que ten 50), cociñeiro en paro, con dous fillos a cargo e aínda namorado (incorrespondidamente) do seu amor de xuventude. O certo é que é peor que a primeira parte, porque claro, un adolescente patético ten algo de encantador, pero un adulto patético ten algo de deprimente. Aínda así dou fe que tamén rirás, pero non esperes collerlle a Adrian tanto cariño.

Libros de Adrian MoleSon os dous da mesma autora, Sue Townsend, pero non son os únicos. O primeiro libro de Adrian Mole tivo tanto tanto éxito (foi o libro máis vendido na década dos 80 en Gran Bretaña) que a autora decidiu criar os ovos de ouro. En galego so está publicado o primeiro libro, e en castelán hai tres en total: ‘O diario secreto de Adrian Mole, idade 13 3/4′, ‘Crecen os problemas de Adrian Mole’ (con 15 anos) e ‘Os anos do Cappuccino’ (con 30 anos). Pero cal non foi a miña sorpresa ao descubrir que en inglés hai máis. Cinco máis. Estou pensando seriamente en pedirllos a Amazon.

Mentres tanto, podo entreterme fochicando na súa web. Porque por suposto, ten web oficial e alí atoparemos todos os poemas que lle escribiu a Pandora (a súa amada), a súa árbore xenealóxica e incluso algúns dos seus ensaios para o colexio.

Cris

Deixa un comentario!