Menu Xerais

«Dragal», de Elena Gallego, Premio Frei Martín Sarmiento

Onte fallouse en Compostela  o VIII Premio Frei Martín Sarmiento. Dragal, de Elena Gallego resultou gañadora nas categorías de 1º e 2º da ESO. Trátase dun premio simbólico para a literatura infantil e xuvenil galega, cun xurado composto polos propios estudantes dos centros de ensino, que son quen deciden o premios que se outorgan en cada categoría.

Dragal. A herdanza do dragón é a primeira novela de Elena Gallego Abad, coa que tamén foi finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil 2009. O libro pertence a unha triloxía, que se publica baixo o título de “Dragal”, o dragón galego, da que tamén está publicado o segundo volume, Dragal II. A metamorfose do dragón. O terceiro volume, aínda sen publicar, levará o título de Dragal II. A fraternidade do dragón.

Na web oficial de Dragal poden descargarse algúns capítulos dos libros, así como recabar información sobre a autora e as historias do dragón. Así mesmo, a triloxía conta tamén cunha páxina de Facebook.

A trama do libro comeza cando, acaroado na fachada da igrexa de San Pedro, o dragón de pedra agarda que chegue o tempo no que Dragal recobre a vida. Hadrián aínda non o sabe, pero el é o elixido para conseguir que se cumpra a profecía. Mais, quen pode imaxinar que o vello templo medieval agocha as claves para atopar a senda do último dragón galego? Un antigo medallón de metal en estado vivo, herdanza do seu pai, será a chave que lle abrirá a Hadrián as portas para cumprir co seu destino. Para atopar respostas, o mozo tamén deberá buscar nos libros prohibidos da vella biblioteca do seu bisavó e mergullarse nos segredos que agochan as augas da Poza da Moura. Só grazas á amizade de Mónica, compañeira de clase no instituto, e coa complicidade de don Xurxo, o cura da parroquia, Hadrián poderá percorrer a senda que, os cabaleiros da Orde de Dragal deixaron aberta para el moitos séculos atrás. 

Deixa un comentario!