Menu Xerais

Fisterra, Galicia. Crítica de Ramón Nicolás sobre «Cita en Fisterra», de Luís Rei Núñez

Ramón Nicolás publicou nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre sobre Cita en Fisterra, de Luís Rei Núñez.

 

Fisterra, metonimia de Galicia

Se do libro do fundamental libro de Manuel Antonio, De catro a catro, adoita dicirse que nel se percorren os vieiros dunha dupla viaxe: a que singularmente permite transitar exteriormente polo que as singraduras marítimas suscitan e a que é resultado dunha procura máis persoal e íntima, penso que non é desatinado apuntar que este Cita en Fisterra posúe certos ecos desta estrutura, salvando as diferenzas que, loxicamente, son moitas.

    Talvez quen se achegue á proposta precisará dun compás, ou se cadra non, que o oriente respecto da natureza desta entrega: un libro de viaxes arredor do que ao escritor lle suxire un espazo xeográfico moi concreto, isto é, Muros, Xallas, Fisterra, Soneira e mais Bergantiños…, esa chamada Costa da Morte (do Sol)?, unha reportaxe xornalística a xeito de crónica?, unha colectánea de artigos de opinión?, ficción composta de relatos que, suturados, arremedan unha novela?, un exercicio de memorialismo?, unha sorte de xeografía sentimental…? Pois, na realidade, esta achega de Luís Rei asume conscientemente trazos de todos os modelos anteriores e o resultado, con franqueza, non resulta en absoluto carente de interese.

   A previsible pexa da heteroxeneidade que se podería aducir, ao meu ver, esvaécese xustamente pola solidez da estratexia desde a que estas prosas se conciben: a mestura de xéneros ou de filiacións narrativas retroalimentan pluralmente esta proposta singular, asentada, cómpre dicilo, tanto nunha prosa extraordinariamente coidada e dotada de moita plasticidade como na exhibición dun pouso irónico que, cando menos a quen isto subscribe, lle parece unha decisión moi acaída e, ao tempo, necesariamente distanciadora.

   A carón, así pois, de acontecementos dos que a voz narrativa, doadamente coincidente coa autorial, vai revelando e que pertencen a esa esfera do máis íntimo e persoal (lecturas, pensamentos, reflexións…) Cita en Fisterra vén sendo unha bitácora que espella a viaxe realizada ao longo de sete xornadas por ese territorio amentado e que, polo mesmo, tamén se pode entender como unha continuación doutra entrega narrativa que o autor  subscribira hai vinte anos baixo o título de Imán Fisterra, compartindo as dúas o devezo por reflectir “a beleza afouta da paisaxe” e “a contumacia con que esa beleza recibe toda caste de agresións dun moi pernicioso urbanismo de barra libre”. A esta vontade explícita, e mais a outros obxectivos nos que salienta unha ollada curiosa e sempre aleuta, contribúe un coro de voces que aparecen aquí e acolá, composto por emigrantes, músicos, escritores, fotógrafos, xentes do común, pintores…, que posibilitan coñecer un monllo de historias, sucedidos e biografías que, nunha lectura máis ampla, fan que esta Fisterra recreada ben poida ser Galicia enteira ou, se cadra, como sinala o propio Rei, “un estado de ánimo”.

    Sexa como for, recomendo este libro pois as viaxes contadas sempre atesouraron moitos saberes en ferrados de palabras.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!