Menu Xerais

Fran Alonso: «O poder político e económico intenta privatizar a palabra». Entrevista de Vanesa Oliveira en Dioivo

A xornalista Vanesa Oliveira publicou en Dioivo unha entrevista con Fran Alonso centrada no seu libro Ninguén.

«O poder político intenta privatizar a palabra»

Fran Alonso (Vigo, 1963) bótalle un pulso ao efémero. Despois de máis dunha vintena de libros, segue a buscarlle sentido á fenda na que habitamos entre o real e o ficticio. Así o fai nunha das súas últimas obras, Ninguén (Xerais, 2011), na que debulla as mudanzas nos xeitos de relación nas sociedades urbanas. O ciberespazo revélase como a expresión mesma do noso individualismo. Soidade e ruído son os síntomas dun malestar que reflicte un cambio profundo na nosa forma de vivir, de convivir; de odiarnos e de amarnos.

Como funcionou a campaña viral de presentación de ‘Ninguén’ a través de correos electrónicos en cadea?

Funcionou moi ben porque chegamos aos 250 exemplares que era o límite para enviar exemplares de Tráiler. Chamoume a atención que houbo xente que non creu a campaña, senón que pensou que era un hoax. De feito, houbo xente que me comentou que non pedira o libro pensando que era unha broma. O cal demostra que a forma era a axeitada. A campaña xorde da miña idea de que cada libro debe ter a súa propia forma de chegar á xente. Buscamos algo que se asemellaba na forma ao que queren dicir os contidos do libro. A campaña reflectía o espíritu do libro, ese intento de mesturar a ficción coa realidade.

O libro recolle unha contradición: na sociedade conectada vivimos na incomunicación, na soidade e no ruído, metáfora do malestar social que padecemos. Volvémonos asociais?

Non sei exactamente se asociais ou un tipo de relación social diferente. É certo que hai unha perspectiva que conduce á socialidade. En Xapón, xa hai xente que se relacionou sempre a través das redes sociais, péchase na súa casa e non é capaz de manter contacto físico coas persoas. É unha forma de asocialidade que conleva unha incapacidade comunicativa natural terrible. Eu espero que as redes sociais non conduzan exclusivamente a iso. As redes sociais lévannos a un tipo de relacións diferentes, mediatizadas. Ás veces, o que non vemos é que esa relación está mediatizada porque rompemos coa estructura espacial que é o tradicional das relacións sociais. Ao romper co espazo hai unha serie de elementos que mediatizan a relación como a parede dunha vivenda ou a pantalla dun ordenador. E ademais as circunstancias dun mesmo son diferentes ás da persoa que está recibindo a mensaxe, estamos en realidades diferentes. Iso é o que non percibimos e inflúe á hora de relacionarnos.

Ben sexa Sara que intenta fuxir dos ruídos da cidade ou S. Lonely, da súa rutina, os personaxes do libro parecen incapaces de levar unha vida normal e asumir os seus propios problemas. De onde nace esta permanente insatisfacción?

Eu creo que provén da concepción contemporánea do tempo: é tan veloz que rompe calquera molde convencional. Ao longo de séculos de historia, o tempo era demorado pero de súpeto, os avances técnicos e científicos fixeron que o tempo se acelerado. Os cambios son hoxe máis rápidos e vertixinosos. Socialmente temos moito menos tempo como para asimilar os novos cambios. Iso créanos incertezas, inseguridades, medos, insatisfaccións… porque non nos damos adaptado ás transformacións. Adaptámonos rápido á hora de asumir o uso da tecnoloxía pero a nosa mente tarda máis en adaptarse e creo que de aí procede a nosa insatisfacción. Sara busca outros lugares e acaba volvendo ao que coñece. Parto da base de que a globalización da cultura e dos costumes fixeron que rural e urbano sexan o mesmo contexto. S. Lonely responde tamén a un individuo que existe. De feito eu inspireime nunha persoa real. Son esas persoas que teñen certa incapacidade de comunicación e moito deslumbramento polos aparellos electrónicos, empurrados polo consumismo esaxerado.

A estes personaxes ninguén lles advirte da súa situación. Por que?

Hai unha certa inconsciencia sobre que significa o que está cambiando. Socialmente non se percibe a importancia do cambio. Nos adolescentes é moi claro: utilizan as redes sociais dunha forma absolutamente inconsciente e moi perigosa. O futuro vai ser moito máis dixital que hoxe. E o que eses rapaces fagan hoxe vai incidir na súa vida laboral futura. Pero eles non se decatan diso.

Dalgún xeito o libro advírtenos dunha forma de comportamento está a cambiar a nosa forma de ver o mundo, de relacionarnos, de traballar. Estamos ante un punto de inflexión na nosa sociedade non só nunha moda pasaxeira?

Si, estou totalmente de acordo. Estamos no principio dunha revolución. A rede acaba de empezar e non sabemos moi ben cara a onde vai ir. Pero que nos vai condicionar está moi claro. O mundo laboral xa cambiou moitísimos dende a aparición da rede: trae moitas vantaxes na busca da información ou a relación a través do correo electrónico. Pero tamén trae moitos inconvintes como o control que se lle outorga ao poder para encauzar o que lle interesa. Quizais non nos decatamos porque vivimos a euforia da aparente liberdade que a rede nos dá pero ao mesmo tempo, temos máis control.

O relato ‘Home Vello e Muller Vella’ aborda a reencarnación. Na novela son os únicos que crean unha nova vida. É curioso, non?

Si, a verdade é que non me decatara… É un relato sobre a vellez, e o tempo que se nos acaba e como todo continúa despois da morte grazas ao ciclo da vida. Para escribilo inspireime nunha anécdota: cando eu saía a tomar café sempre había un home sentado no balcón, fose inverno ou verán. Nunca vin a ninguén máis con el. E eu dicíame se este home vive só, a rúa é a vida. Ese feito fíxome reflexionar moito. Hai anos que xa desapareceu. O feito daquel home moi maior asomado á vida fíxome reflexionar sobre o significado da vellez e o ciclo da vida que continúa. É un relato moi urbano porque nunha aldea sentaría fóra da súa casa e falaría coa xente. É un tipo de relación do futuro: el na súa soidade ve pasar o mundo.

En ‘Comunidade literaria’ refíreste á difícil convivencia das figuras de escritor e crítico e a súa influencia no lector. Sorprende o enfoque do relato porque desvelas que moitas veces median nesa relación intereses espúreos, vencellados máis á relación persoal que á calidade literaria. Esa relación escritor e crítico está viciada ou problemática até o punto de que un crítico poida valorar unha obra literaria por criterios diferentes aos literarios?

Non é unha queixa persoal. De feito, teño unha excelente relación cos críticos e non teño especial queixa. Galicia é un país pequeno, por tanto, o sistema literario é pequeno e metaforicamente pode simbolizarse a través da convivencia nunha comunidade. Pero tamén quería simbolizar todos aqueles factores que están presentes na relación dun escritor cun crítico e ao que permanece alleo o lector e está por riba desas pequenas diatribas. Cada vez estou máis convencido de que os escritores temos que escribir á marxe das opinións. Pero paréceme fundamental a labor dos críticos. O relato é equilibrado porque non bota terra nin sobre escritores e críticos senón que pon de manifesto que hai aspectos humanos que teñen que ver coas relacións que se sobrepoñen ás veces sobre a propia percepción da obra. Unha vez que a calidade literaria existe, a partir de aí entra en xogo a subxectividade que é o que pon en valor unha cousa sobre outra.

Nos hoax revélasenos outra das falacias nas que vivimos e sobre as que pouco reflexionamos: aceptamos como certas mentiras, ficcións que percorren a rede. Hai un relato, ‘Lista de correo’ que é unha crítica forte ás organizacións políticas que non aceptan airear publicamente as súas leas internas. É un debate que está de actualidade…

Foi un relato pouco comentado, alégrame que me preguntes por el. O relato é un canto á liberdade por riba de calquera outra circunstancia: a liberdade debe estar por riba de dogmas ou ideas. Ás veces, a crenza nos ideais ou nos dogmas non nos deixa ver a realidade. E iso sucede con certa frecuencia. Vese moito nos foros que son ás veces moi agresivos e as opinións, despectivas. Afortunadamente eu non estou neste momento na vida política, vívoo como espectador e o que vexo paréceme terrible, ese enfrontamento brutal que chega á descalificación persoal. A opinión razoada e razoable debe permanecer por riba dos dogmas. E moitas veces, ás persoas agárranse aos dogmas e impiden a libre exposición das ideas. É un dos relatos polos que máis paixón teño de todo o libro.

Parece que hoxe en día calquera crítica ou intento de autocrítica se interpreta como un ataque.

A min paréceme que o que falta é sentido común. Unha vez escribín un artigo sobre isto, no que dicía que o problema non era tanto a falta de cultura senón de sentido común. Eu manteño iso. E foi algo polémico porque había xente en desacordo. Iso barréunolo a sociedade consumista, esta sociedade un pouco idiotizada na que estivemos e seguimos vivindo dende os anos 70. A capacidade analítica na que non hai que ter un coñecemento elevado das cousas pero que nos permitía discernir con claridade como son as cousas: algo que facían os meus avós. Hoxe iso perdeuse. Perdeuse debido á nebulosa da sociedade consumista. No fondo de todo isto está a distorsión da palabra. Vivimos nun tempo no que a palabra foi extorsionada de tal forma que foi apropiada dende múltiples polos de interese, foi baleirada de significada ou foi hinchada até o punto de adquirir significados falsos cunha función política. O poder político e económico intenta privatizar a palabra. Os discursos confusos deste tempo proveñen da privatización da palabra. É preocupante que nos estemos acostumando a ver determinados enfoques enfermizos nos medios de comunicación e a aceptar que determinados discursos sexan aceptados acriticamente pola xente. Si. O poder político e económico conseguiu instaurar a súa palabra como verdade. Iso a opinión pública non o cuestiona. É o gran drama que ocorre hoxe. Converteron a democracia nun gran ritual que consiste en meter unha papeleta nunha urna. Pero realmente o poder está no uso da palabra, non na urna.

‘Ninguén’ é un epílogo da primeira parte da túa obra? Dis que entronca con poemarios como ‘Persianas, pedranol e outros nervios’ ou ‘Silencio’ e ‘Balada solitaria’. É o peche dun ciclo creativo?

Este libro está moi relacionado con Males de cabeza ou Silencio. Tematicamente pode supor un peche dun ciclo pero formalmente non. Hai outro libro no que estou a traballar, no que utilizo a mesma fórmula de intentar botar abaixo esa fronteira entre novela e relato. Hoxe, dende o punto de vista da sociedade fragmentaria e caótica na que vivimos, non ten sentido manter os xéneros de forma convencional. Rompelos axuda a entender como é a sociedade. Neste libro vou levar iso ao límite de onde eu quero levalo, dou un paso máis.

Cal sería para ti, para o futuro, o tipo de xornalismo que deberiamos facer? A única liberdade que nos queda xa é facer xornalismo non retribuído?

Eu creo que aí está a fronteira entre o desexable e o posible. O desexable é que o xornalista sexa sempre retribuído porque é dignificar a súa profesión. Pasa o mesmo cos escritores: a retribución é significativa aínda que non te manteña. Hai que desenvolver certas fórmulas con certa capacidade de aguantarse. O que está claro é que o xornalismo está cambiando xa. Os medios tradicionais están sufrindo un descalabro absoluto e iso significa que van a triunfar novas fórmulas, aínda que non temos claro cara a onde vamos. Eu teño claro que experiencias como Dioivo ou Praza Pública están contribuíndo a investigar posibilidades e a dar pasos adiante. O xornalismo do futuro ten que ser impuro, capaz de mesturarse con opinión, literatura, investigación… con todas as fórmulas e formas posibles para chegar máis ao público. E ten que acudir ao debate alí onde está o debate. A fórmula tradicional do xornal esperando polo lector hoxe xa non funciona. Hai que entrar nos puntos de debate e tratar de incidir coa visión do xornalismo. Estamos ao principio do cambio e o que se vai a conformar aínda é descoñecido. Eu creo que todos os cidadáns son xornalistas potenciais e xa os están sendo, para poder facer chegar a súa mensaxe. Nese sentido, democratiza o medio.

Vanesa Oliveira

Deixa un comentario!