Menu Xerais

María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón: «A defensa da lingua é un dos puntos centrais do noso libro». Entrevista sobre «Tonas de laranxa», Premio Xerais 2012

La Voz de Galicia publicou unha entrevista de Uxía López a María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón, gañadores do Premio Xerais de Novela 2012 con sobre Tonas de laranxa.

 

«A defensa da lingua é un dos puntos centrais do noso libro»

Pai e filla conquistan a crítica e público cunha historia compartida

Como nun soño. Así están Manuel Lorenzo Baleirón (Tarrío, Dodro, 1957) e María Lorenzo Miguéns (Tarrío, Dodro, 1986) despois de gañar o Premio Xerais de Novela 2012 coa historia que leva por título Tonas de Laranxas e que foi seleccionada por unanimidade polo xurado.

Pai e fi lla están cos últimos actos de promoción do libro, que lles permiten comprobar a boa acollida que ten entre crítica e público. En canto á novela, despois de todo o dito e escrito sobre ela, prefi ren «estar calados e que falen os lectores».

 

Pregunta. Pasado un tempo dende a concesión do premio Xerais, ¿que valoración fan?

Manuel Lorenzo. Estamos coma nun soño. Moi agradecidos polo trato recibido por parte da Editorial Xerais, que se volcou co noso libro, e tamén co xurado, por elixilo por unanimidade.

María Lorenzo. Agora xa temos máis os pes na terra, porque non estamos acostumados a isto.

P. Tonas de laranxa arranca dun conto escrito por María anos atrás. ¿Como chega a converterse nunha historia que convence por unanimidade ao xurado do Xerais?

María. Pasaron moitas cousas no camiño. A partir do conto que escribín hai case cinco anos, houbo moitas tardes de traballo, moitas horas, cambios e retoques de aquí de alá.

Manuel. Fraguouse no verán pasado, a partir dese conto inicial no que eu vin cousas fermosísimas, e sobre o que lle insistín a María para que o continuara. Como non se daba posto, sentámonos os dous e démoslle forma pero o fundamental é a base, o fío condutor de María.

P. ¿Onde está a pegada de cada un?

María. É difícil distinguila no libro, pero o peso de meu pai está no léxico, no estilo, porque ten máis lecturas ca min. A miña está máis na trama, nas personaxes.

Manuel.En calquera caso, é unha historia compartida, conxunta, cun estilo lírico que arranca do conto inicial de María e que foi unha aposta arriscada. Un estilo co que Eusebio [irmá de Manuel e tío de María] está moi presente no libro porque el tamén espelicou as tonas de laranxa.

P. ¿Coinciden co escritor Anxo Angueira, veciño tamén de Laíño, en que o feito de que a novela estea escrita por un pai e unha filla supón o asalto da muller á escrita literaria?

María.Eu non mo plantexo como unha cuestión feminista. Gústame escribir e fágoo dende pequena. Confío en meu pai e nos seus gustos literarios polo que o libro xurdiu dun xeito natural.

Manuel. Eu estou moi orgulloso e feliz de acompañar a María neste camiño. O que eu lle aconsello é que lea moito para escribir, que seleccione as lecturas e que aposte por unha lingua digna. A defensa da lingua é, precisamente, un dos puntos centrais do libro. Nós apostamos por un galego patrimonial, o da xente de aquí, que nos rodea, e por un galego literario e iso trato de inculcarllo a miña filla.

P. A historia, ¿ten visos de realidade?

María. Xurdiu dun detalle real pero o resto do libro é inventado aínda que está inspirado no que nos rodea.

Manuel. O certo é que tamén procuramos darlle unha certa intemporalidade adrede e non localizado exactamente porque queremos non contalo todo, senón que o lector complete a historia. Nós insistimos moito niso.

P. Dous Premios Xerais en Laíño, co logrado por Anxo Angueira con Pensa Nao. ¿Que teñen estas terras, as terras de Eusebio Lorenzo Baleirón?

Manuel. Non sei que teñen, serán as néboas do outono ou as laranxas que se dan ben. No noso caso é evidente que Eusebio está presente aí, que a literatura estivo presente na nosa casa de sempre.

P. ¿Para vostede, María, a literatura pode ser un camiño de futuro?

María. A min gústame escribir, moito, e gustaríame seguir facéndoo con calma e tempo, pero non o sei.

P. Cando se fi xo público o premio, Manuel dixo que se alegraba especialmente pola súa fi lla. ¿Vea continuando coa escrita literaria?

Manuel. Si que a vexo, si que me gustaría e supoño que o acabará facendo, pero non por toda esta historia do premio. E, sobre todo, gustaríame que seguira lendo.

P. ¿Están traballando en algo, xuntos ou por separado?

María. Non, aínda estamos asimilando o premio e descansando.

P. ¿Anima a seguir escribindo?

María. Si, anima. A experiencia foi boísima e gañas quedan.

 Uxía López

Deixa un comentario!