Menu Xerais

Mario Regueira conversa con Montse Dopico para “Praza pública”

Praza publica a conversa da  xornalista Montse Dopico con Mario Regueira sobre as dúas novidades máis recentes do autor ferrolán, a novela Outono aquí e o libro de poemas O silencio.  Recollemos algúns fragmentos dun texto moi interesante, no que hai numerosas referencias a Rebelión no inverno e L´affiche rouge, outras obras de Requeira publicadas por Xerais :

Silencio é o título do teu novo poemario. Aínda que o silencio e as súas consecuencias están moi presentes no resto da túa obra, non si?

No caso de Silencio é en concreto a pausa entre os bombardeos. Nas guerras non todo son bombas, non todo é tan ruidoso e evidente, pero hai cousas que ocorren en silencio e producen un efecto tan malo ou peor. E se cadra todo iso é hoxe máis verdade que nunca. A crise é unha guerra económica que se fai contra unha parte da poboación á que se pretende culpar con mentiras, con ideas vagas como que “vivimos por enriba das nosas posibilidades”. En realidade é todo unha gran agresión de banqueiros, políticos… Ninguén nos está bombardeando, pero chegará un día en que lembraremos o que está a pasar como lembraron os nosos pais e os nosos avós os escenarios de despois da guerra.

É un libro, Silencio, que resulta máis directo, máis fluído que Blues da crecente ou Tanxerina. Cal é o motivo?
Foi unha forma nova de escribir poesía, unha nova forma de expresión -unha forma nova de expresión para min: non quero dicir que a inventase eu-. É un tipo de discurso diferente, con partes semiensaísticas…, e menos atado pola idea de que ten que haber unha coherencia interna. Un discurso máis crítico, máis libre nese sentido. Quero dicir que a guerra, o imperialismo, as sexualidades disidentes,… e eses temas xa estaban nos outros, pero dunha forma menos evidente. A crítica subliñou o tema da Segunda Guerra Mundial, que claro que está, pero tamén están os palestinos, e outras ideas de conflito.

“Toda práctica imperialista pode resumirse nunha enorme/ violación”, dis. De igual xeito que citas a tendencia a ver nas relacións homoeróticas da adolescencia un divertimento, pero non unha relación porque a idea social de noivado supón heterosexualidade… Son discursos moi políticos. Tamén falas moito da conexión entre guerra e estrutura patriarcal.
Si, claro. Esa conexión paréceme evidente. O que citas sobre as relacións homoeróticas está ademais no contexto dunha reflexión sobre algunhas reivindicacións espartanas no seo dos fascismos. Nunha contradición similar, do outro lado tamén se produciron casos como o do matemático Alan Turing, que foi procesado por homosexualidade despois de axudar a loitar contra os nazis descifrando os seus códigos. Foi denunciado porque representaba algo contra o que a sociedade continuaba en guerra, a homosexualidade. E suicidouse comendo unha mazá á que lle inxectara cianuro. Como unha princesa de conto, por iso falo diso no poema que lle dedico.

 

Deixa un comentario!