Menu Xerais

Novidade: «Cartas de inverno». Novela gráfica de Antonio Seijas

 

 

Cartas de inverno, unha novela gráfica de Antonio Seijas baseada na novela de Agustín Fernández Paz, é unha das novidades para os derradeiros meses deste ano.

Á volta da súa viaxe, o escritor Xabier Louzao atópase coas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira durante a súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Mais alí, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que talvez as persoas nin tan sequera somos capaces de imaxinar. Versión en banda deseñada de Cartas de inverno, a extraordinaria novela de terror de Agustín Fernández Paz, un dos clásicos da narrativa galega contemporánea. // Di Agustín Fernández Paz: “Este Cartas de inverno de Antonio Seijas recolle a historia, os personaxes e os ambientes que creei no seu día, comezando pola omnipresente mansión onde todo sucede. Trátase da mesma historia, narrada a través da linguaxe do cómic e a través doutra mirada. A capacidade de suxerir que teñen as palabras trasládase aquí ás elipses narrativas. A tensión creada coas palabras trasládase ás imaxes e á montaxe das viñetas. Os estados de ánimo atopan a súa correspondencia na paleta de cores utilizada polo autor. Todas as pezas encaixan para conformaren unha obra con valor de seu. De aí que declare a miña alegría ante a publicación destas novas Cartas de inverno.”

Deixa un comentario!