Menu Xerais

O libro do «Premio 2011 de relato, poesía e tradución», no Diario da Universidade de Vigo

O Diario da Universidade de Vigo publicou unha información de Jesica Fernández sobre o Premio 2011 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo.

 

Un libro recolle a creatividade literaria do certame de relato curto, poesía e tradución

Jessica Fdez. | Vigo
Co fin de promover a divulgación dos traballos realizados polos membros da comunidade universitaria sae ao mercado, un ano máis, a publicación que recolle os textos galardoados na XIII edición do Premio de Relato Curto, Poesía e Tradución. Este certame, no que teñen a oportunidade de participar tanto o alumnado coma o PAS e PDI exceptuando aos docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución, premia o esforzo e a creatividade literaria en galego de autores e autoras de diferentes ámbitos de coñecemento. De este xeito, o volume que se publica en colaboración coa editorial Xerais ten como obxectivo converterse nun escaparate que amose o talento, o esforzo e a calidade dos textos dos novos creadores en lingua galega.

Nesta edición presentáronse un total de seis traducións literarias, 12 poesías e 14 relatos curtos de autores pertencentes tanto ao campo humanístico coma ao científico e tecnolóxico, todos eles caracterizados polo seu ”rigor, a procura da calidade ou a riqueza de recursos intelectuais”, como explicaba o xurado do premio.

Os galardoados

O libro recolle tanto as obras premiadas na edición do ano 2011 coma aquelas que contan coa recomendación do xurado para a súa difusión polo interese que ofrecen para o público. Na categoría de poesía, este volume recolle o poemario Dime de Ti, de Xosé Daniel Costas Currás, estudante de ETS de Enxeñaría de Minas que se alzou co primeiro premio, así coma os áccesit cos que se fixeron Anxo Manuel Rodríguez Ratel, coa obra A Contrafío, e Anxo Mena Rodríguez, con Camiños de Salitre. En relato curto o libro recolle a obra Espellos, do profesor de Dereito Virxilio Rodríguez Vázquez así coma os áccesits Familia, de Alberto Comesaña Campos e O canto do cisne, de Bruno Bouvy Vilaboa.

A pesar de que o primeiro premio da categoría de tradución quedou deserto, o xurado destaca que ésta “é unha clara mostra da escolla de retos difíciles, de decidirse por traballos nada doados”. Por este motivo, o volume recolle as traducións realizadas por Raquel Uzal Gómez sobre o texto Talking in over do inglés Julian Barnes e por Andrés Trigo Misa, que optou por converter ao galego Le Cercle de Meggido da francesa Nathalie Rheims, que foron premiadas cos dous áccesit.

Deixa un comentario!