Menu Xerais

“O meu primeiro Celso Emilio”, anotación de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publica no seu blg unha interesante anotación sobre o libro disco O meu primeiro Celso Emilio.

Ao fío do ano do centenario de Celso Emilio Ferreiro, malia que entendo esta como unha iniciativa de posible e feliz aplicación a outras voces poéticas do noso sistema literario, publícase este O meu primeiro Celso Emilio, un proxecto de autoría colectiva e concepción integradora que, baixo a perspectiva de difundir a figura e mais a obra poética do autor de Celanova, fai confluír música e poesía nunha mesma publicación.
Velaí como, quen a esta publicación se achegue, constatará, inicialmente, a presenza dun breve e completo percorrido polas claves biográficas, situada baixo a epígrafe “Así viviu”, que permite obter unha visión panorámica e ben informada dos socalcos vitais e literarios máis salientables de Celso Emilio, expostos sempre nun rexistro fluído e, por iso, especialmente acaído para xente nova á que se lle posibilita, deste xeito, internarse no universo vivencial do autor con garantías, sen esquecer unha sinxela e valiosa valoración da súa obra e mais unha bibliografía básica do autor.

O seguinte bloque da publicación, o máis substancial por outra parte, articúlase como unha escolma poética do autor d´A fronteira infinda, recollendo un total de vinte e oito composicións líricas, moi representativas por outra banda tanto das diferentes cordas temáticas –a intimista, a reivindicativa ou a irónico-sarcástica, sen esquecer algún poema de carácter máis circunstancial- que Celso Emilio Ferreiro tanxeu ao longo da súa obra coma dos desemellantes estilos polos que transitou. Oito dos poemas aquí recollidos, e que constitúen un complemento excepcional á publicación, foron, á súa vez, antologados para incorporarse a un cedé no que os versos de Celso Emilio cobran nova vida a través das voces familiares e magníficas voces de María Manuela –responsable, por certo, das ilustracións que se integran no volume-, Mini e Mero e mais Xiana Lastra, esta última para min todo un descubrimento pois exhibe uns  fabulosos dotes para a interpretación musical.

Un máis que satisfactorio proxecto, a meu entender, que difunde atractivamente ese tesouro, ese patrimonio de todos que é a poesía de Celso Emilio Ferreiro. Parabéns, sen dúbida, aos responsables e a quen puideron facelo realidade.

 

Deixa un comentario!