Menu Xerais

Os «hoax» como fío condutor e deconstrución: anotación sobre «Ninguén», de Fran Alonso, en Trafegando ronseis

Trafegando Ronseis publica unha anotación de Gracia Santorum sobre Ninguén, de Fran Alonso.

 

Ninguén

Xa a nosa colaboradora Rosa recomendara este libro, pero non quero deixar pasar a ocasión de facelo eu tamén. Tiven a oportunidade de ler Ninguén de Fran Alonso, publicado pola editorial Xerais, co club de lectura virtual Falemos de lecturas este mes que me correspondía a coordinación. En contra do esperado, pola carga que me supuña este traballo, gocei dobremente: non só porque a súa lectura é atraente e máis que recomendable, senón tamén porque a xenerosidade do seu autor fixo posible un diálogo constante entre lectores e escritor que enriqueceu a visión do lido e as opinións dun xeito incrible. Non hai máis que comprobar o número de comentarios orixinados. A pena que me queda é que non participase máis xente.
Unha das cuestións que abordabamos ao inicio da lectura de Ninguén foron os “hoax” que intercalan as historias, unha especie de ponte entre elas. Fran deixóunolo claro: constitúen, sobre todo e principalmente, o fío condutor do libro, coma se fosen a liña continua dunha estrada que vai marcando un camiño. Un fío condutor e deconstrución da narración.
Ninguén convértese nun libro novidoso, moi acorde coa nosa sociedade actual, fragmentaria, urbana, ás veces antisocial, ás veces suplicadora de relacións, ás veces chea de ruídos que sobran. Todos e todas estamos alí, en pequenos fragmentos, identificándonos nalgúns aspectos, créndonos lonxe doutros, loitando por non estar naqueloutros que máis nos disgustan. Pero tamén reinterpreta o destino da sociedade que estamos a crear, a nosa evolución.
Un libro que nos fai reflexionar e mirarnos con outros ollos, sentindo que moitos dos movementos que damos están nos personaxes que crea Fran Alonso. E os espellos adoitan ser duros.

Deixa un comentario!