Menu Xerais

Os «Sonetos de Shakespeare»: un luxo para presumir. En Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publica unha anotación sobre os Sonetos de Shakesperare, na tradución feita por Ramón Gutiérrez Izquierdo.

 

Sonetos de Shakespeare

Na procura última de poemas de amor en todas as linguas cheguei, por fin, a esta coidadísima edición da editorial Xerais dos Sonetos de Shakespeare a cargo de Ramón Gutiérrez Izquierdo, que constituíu toda unha sopresa ben agradable, por certo, posto que non a maxinaba polas fotos da web. Non só a edición é de forzada gabanza, senón todo o inimaxinable traballo que hai detrás: limiar, notas e comentarios, ademais da tradución, que contén esta edición bilingüe. O libro merece unha lectura demorada, de día a día, con deleitación: un luxo do que ben podemos presumir.
“Desde moi novo comprobei a fascinación xeneralizada polos Sonetos, a súa influencia na literatura ou no cine, pero eu, que sempre me tiven por bo lector, non entendía como aqueles xeroglíficos abstrusos que lía en castelán podían ter tanta fama. Así que decidín resolver unha dúbida: ou eu non era tan bo lector ou resultaba que as traducións non eran idóneas, precisamente. Érame máis cómodo crer o segundo”, asegura Ramón Gutiérrez. Así traduce o verso branco orixinal por alexandrinos, o que nos ofrece un sentido e un ritmo ao que entrar con toda a sensibilidade coa que foron escritos: experiencia sentimental, amor eterno, amor e loita contra a morte.
De todos os xeitos, desta volta hai que falar máis que do texto en si do traballo que supón esta edición e do incrible exercicio que se estende dende a páxina 333 ata 779: notas e comentarios que ofrecen e aclaran aspectos de terminoloxía e interpretación.

Cando de min renegan a sorte e os humanos,

laméntome a soas por verme marxinado,

e abouxo o ceo xordo co meu inútil pranto,

e véndome a min mesmo maldigo o meu fado.

Deixa un comentario!