Menu Xerais

Pedro Feijoo, un escritor con maiúsculas. Repaso de novidades de Dolores Vilavedra

O repaso de novidades que realiza Dolores Vilavedra no suplemento Luces de El País aborda nesta ocasión os libros As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes; e de Os fillos do mar, de Pedro Feijoo. Tamén cita Aire negro, de Agustín Fernández Paz.

 

 

As rapazas de Xan, a primeira novela de Manuel Iglesias Turnes, deixoume un tanto atónita. É unha curiosa mestura: un algo de conto popular, outro pouco de fadas (Carmela non deixa de ser unha sorte de Cinsenta rural), un chisco de apólogo moralizante e un moito de costumismo antropolóxico. O público dirá agora se este tipo de textos están definitivamente caducos ou se poden suscitar de novo o seu interese, investidos para as novas xeracións dunha dimensión documental, na medida en que levantan acta dunha realidade que para eles é xa historia.

De cando en vez cómpre lembrar que os premios literarios non só valen para canonizar textos e autores, para descubrir textos singulares e novos talentos ou para confirmar outros xa consolidados. A súa utilidade transcéndeos pois adoitan deixar un rego de obras notables que chegan, antes ou despois, a mans lectoras. Ese é o caso de Os fillos do mar de Pedro Feijoo, finalista do Xerais 2011, e unha pensa que non se quería ver na difícil tesitura á que se enfrontou aquel xurado que tivo que decidir entre este texto e o Extramunde de Xavier Queipo, que finalmente obtería o prezado galardón. Os fillos do mar é unha extensa novela de aventuras na que a trama comparte protagonismo coa cidade de Vigo, que Feijoo nos convida a redescubrir, tal é a capacidade vivificadora da súa ollada.. Se cadra, hai demasiados elementos nesta trama: nazis, exiliados, tesouros, herdanzas, amor, crimes… pois coa xenerosidade propia do novel, Feijoo utiliza máis materiais dos que precisaría para edificar esta poderosa maquinaria ficcional. A novela reivindícase como un best-seller: innecesario exercicio de modestia, pois o texto posúe méritos propios dun escritor con maiúsculas; por exemplo, o protagonista, debuxado con sutileza e humor nos seus labirintos existencias e ben afastado do estereotipo que cabería agardar en obras deste tipo.

E para os que gustan de emocións fortes, Agustín Fernández Paz convídanos a experimentalas cunha dobre aposta polo terror fantástico. Por unha banda, coa recuperación de Aire negro para a colección Narrativa de Xerais, unha novela xa publicada en 2000 e que mantén intacta a súa capacidade de intriga.

(…)

Deixa un comentario!