Menu Xerais

«Poema sinestésico para tres voces e un can», de Eva F. Ferreira, galardón do Xurado do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

A Radio Galega informou do fallo do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que editará Xerais nas vindeiras semanas. O galardón do xurado foi para «Poema sinestésico para tres voces e un can», de Eva F. Ferreira, e o da audiencia para «Intercom-Baby», de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso.

 

«Poema sinestésico para tres voces e un can», de Eva F. Ferreira, galardón do Xurado do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

A audiencia escolle “Intercom-Baby”, de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, como mellor peza dramática para a radio

A entrega do premio e a presentación do libro-CD, editado por Xerais, coas catro obras finalistas farase o vindeiro 15 de maio nunha gala no Salón Teatro de Santiago

O certame está organizado pola Radio Galega, en colaboración co Centro Dramático Galego e patrocinado pola Agadic

Santiago, 20.04.2012.-   O xurado da sexta edición do Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico decidiu por unanimidade outorgar o galardón á obra “Poema sinestésico para tres voces e un can”, escrita por Eva F. Ferreira. O Premio da Audiencia foi para “Intercom-baby”, de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso.

O xurado subliñou da obra premiada a “utilización de materiais non convencionais no narrativo, a intensidade dramática de obra a súa intención de levar a quen escoita a unha paisaxe sonora pouco habitual nunha peza radiofónica”. Destaca tamén “o discurso provocador no fondo e na forma, o risco na procura de novos camiños da creación para a radio, a intención lúdica do texto que suscita a curiosidade e o xogo emocional co oínte e o formato da obra cunha feitura que engasta a xeito de collage as diferentes linguaxes artísticas. Poema Sinestésico para tres voces e un can indaga na actitude de quen escoita, e lonxe de asentarse no previsible provoca unha emoción inesperada”.

Os integrantes do xurado foron Evaristo Calvo, actor e director de teatro; Xosé Manuel Pacho Blanco, escritor, gañador da V edición; Camilo Franco, xornalista e crítico de teatro; Roberto Taboada, director artístico do Festival Alt de Vigo; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega; e Ana Romaní, directora do “Diario Cultural”.

A autora de “Poema Sinestésico para tres voces e un can”, Eva F. Ferreira, é directora de escena e dramaturga. Formouse na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo, onde realizou estudos de Dirección de escena e dramaturxia. Foi artista en residencia para o CDG co proxecto de investigación Corpo-puta-vaca-berro no ano 2009. Publicou diversas pezas dramáticas en volumes colectivos e publicacións como Casahamlet. Foi finalista do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico noutras edicións coas obras de Como eliminar as manchas de vómito, O xou mas gou on e 1073. Na actualidade dirixe a obra “Edison” que se vai estrear no Teatro Ensalle de Vigo e coa que se presentará a compañía “Demolicións Ferreira e Compañía”.

Santiago Cortegoso e Marián Bañobre son co-autores de “Intercom-baby” a obra gañadora do Premio da Audiencia. Actor, director de escena e dramaturgo, Santiago Cortegoso traballou como actor e director en diversos proxectos escénicos. Autor das obras A  filla de Woody Allen (2010), 0’7% MOLOTOV (premio Rafael Dieste 2009), Os Comicos dell’Auto (2009) ou  Hámster (2009), crea en 2010 a Compañía Santiago Cortegoso. Pola súa parte, Marián Bañobre é actriz, traballou en diversos proxectos teatrais con compañías como Teatro de Ningures, Centro Dramático Galego, Teatro do Morcego e Nove Dous, ademais de formar a súa propia compañía xunto a Isabel Risco en 2009, Maquinaria Pesada, en que debutaron co espectáculo de clown “As vingadoras”.

Publicación dun libro-CD coas obras finalistas

Ademais das dúas obras gañadoras, as tamén finalistas “Ironías”, de Carlos Losada Galiñáns, e “Quendas”, de Zé Paredes, publicaranse nun libro-CD editado por Xerais. A presentación deste libro e a entrega do premio terá lugar o vindeiro 15 de maio nunha nova edición do Espazo Radioescénico no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Os premios da Audiencia e do Xurado están dotados, cada un, con 3.000 euros.

As catro obras finalistas emitíronse en diferentes programas da Radio Galega entre o 26  de marzo e o 13 de abril. Dirixidas por Evaristo Calvo, foron interpretadas por Víctor Mosqueira, Paula Buxán, Marcos Correa, Borja Fernández, Rocío González, Nuria Sanz, Laura Ponte, Pilar Pereira, José L. López Sacha. Iván Nogueira foi o responsable da realización sonora.

O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega coa colaboración do Centro Dramático Galego e o patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais, procura fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico.

Deixa un comentario!